Compostela e Irán, unidas polas universidades

Unha delegación da Universidade de Santiago visita Teherán na busca de novas vías que fortalezan e amplíen as relacións existentes no eido da investigación e o intercambio de persoal coas universidades iranianas.

Por Galicia Confidencial | Santiago | 22/04/2016 | Actualizada ás 11:30

Comparte esta noticia

Unha ampla delegación da Universidade de Santiago de Compostela (USC) reúnese esta semana en Irán con responsables das institucións de educación superior dese país, coas que mantén unha estreita colaboración no eido da investigación e do intercambio de coñecemento en múltiples disciplinas, con especial atención ao ámbito das ciencias da vida.  

Delegación da USC, nun dos encontros en Irán con autoridades académicas e diplomáticas
Delegación da USC, nun dos encontros en Irán con autoridades académicas e diplomáticas | Fonte: USC.

Ademais do reitor Juan Viaño, viaxaron a Teherán as vicerreitoras de Internacionalización e de Investigación así como responsables de diversos servizos da USC, do CIBUS, CiQUS, CiTIUS, Idis, Escola de Doutoramento, da Facultade de Medicina e Odontoloxía e da ETSE.  

Esta visita prodúcese meses despois dun primeiro contacto en Compostela na busca de novas vías que fortalezan e amplíen as relacións existentes no eido da investigación e o intercambio de persoal, á vez que se identifiquen novos campos. Na actualidade mantéñense convenios bilaterais activos coas universidades de Teherán, Amirkabir de Tecnoloxía, Sharif de Tecnoloxía e coa de Ciencias Médicas de Teherán.  

Precisamente, ao longo desta semana o grupo da USC mantén tamén encontros con persoal científico e con alumnado interesado en programas de intercambio. Ademais das oportunidades que ofrecen os convenios bilaterais, profundarán nas posibilidades do Erasmus Mundus Marhaba, o programa de cooperación e mobilidade que lidera a USC dotado con 3 millóns de euros. Grazas a este programa creouse a rede IRIUC, un consorcio no que participan as cinco mellores universidades da República Islámica de Irán.  

O proxecto Marhaba ten por obxectivo unha maior colaboración entre a UE e as institucións de Asia para a mobilidade de estudantes e persoal e a mellora da transparencia e a empregabilidade. Este Erasmus Mundus promove a mobilidade de 125 estudantes e persoal universitario entre a UE e Irán, Irak e Yemen, nun marco de colaboración que inclúe unha representación equilibrada de nove universidades asiáticas (5 en Irán e 4 no Kurdistán) e outras tantas europeas (España, Francia, Alemaña, Italia, Reino Unido, Portugal, Polonia e Bulgaria). Nestes momentos, para a convocatoria do presente ano só a USC ten recibidas 303 candidaturas de mobilidade de estudantes, persoal investigador e de administración e servizos, informa a institución galega.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta