Dúas fugas de gas en Carballo en menos de 24 horas, unha delas por tentar roubar un tubo de cobre

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/04/2025 | Actualizada ás 11:59

Comparte esta noticia

Os bombeiros de Carballo interviñeron en dúas fugas de gas no municipio coruñés en menos de 24 horas, unha delas producida ao tentar roubar un tubo de cobre da instalación do edificio afectado.

Segundo explica o corpo de bombeiros, o parque provincial recibiu este domingo un aviso ás 19.38 horas por un forte cheiro a gas nun edificio da Avenida da Milagrosa, no Concello de Carballo. Os bombeiros chegaron ao lugar ás 19.50 horas e fixeron medicións por todo o edificio, ata atopar nunha das vivendas unha estufa catalítica que estaba apagada pero co gas aberto.

Contadores eléctricos dun edificio
Contadores eléctricos dun edificio | Fonte: Eduardo Parra - Europa Press

OUTRA EMERXENCIA

O outro aviso por fuga de gas recibírono ás 1.46 horas, nun edificio da rúa Carlos Casares. A incidencia localizouse na fachada do inmoble, concretamente nunha canalización de gas. Tras a inspección, comprobaron que a fuga se produciu por un intento de subtracción do tubo de cobre, situado no exterior do edificio. Observaron que tentaran serrar a canalización e, ao non conseguilo, aplicaran forza sobre o tubo, o que provocou a rotura e posterior fuga.

A situación foi controlada co corte de subministración accedendo á chave principal do edificio. Unha vez interrompido o fluxo de gas, realizáronse medicións na rúa e nos sumidoiros da contorna para detectar posibles acumulacións, resultando todas as medicións negativas. Completou a intervención a Garda Civil e a Policía Local de Carballo.

INTERVENCIÓN POR UN VEHÍCULO ACCIDENTADO

Por último, tamén en Carballo recibiuse unha chamada no parque provincial de bombeiros informando da presenza dun vehículo accidentado que non podía ser retirado polo guindastre por uns ferros que tiña encima.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta