Ourense celebra Os Maios, festa de interese turístico

O Concello de Ourense dedica esta fin de semana a unha das festas máis tradicionais e senlleiras da cidade, a dos Maios, declarada de interese turístico.

Por GC Tendencias | Ourense | 29/04/2016 | Actualizada ás 20:15

Comparte esta noticia

“Unha aposta firme pola dinamización cultural e polo mantemento das nosas tradicións”, declarou a concelleira de Cultura, Belén Iglesias, na presentación do programa de actividades.

Maios en Ourense
Maios en Ourense | Fonte: amigosdenogueira

Ademais da tradicional romaría, que comezará o domingo ás 11:00 horas coa colocación dos Maios, este ano engádese a celebración dun concerto de balde na véspera: Prímula, o sábado ás 22:30 horas na praza de San Francisco.

O programa do primeiro de maio estará cheo de música ao vivo a cargo dos gaiteiros Os Carapaos e Os Gomes Mouros, animación, coplas, o xantar na pérgola, xogos populares e a entrega de premios ás 18:30 horas. A festa culminará ás 19:00 horas coa actuación no palco do grupo “Sons do Douro”. Durante toda a xornada, ademais, montarase un Maio de forma tradicional para que todas as persoas que se acheguen á Alameda poidan observar o proceso de elaboración.

A técnica de Cultura, María Díaz, avanzou que xa hai nove agrupacións anotadas para a festa -”cada unha delas achega o seu propio Maio e coplas para a ocasión”, dixo-, pero agardan que, coma todos os anos, sexan moitas máis as que se animen a última hora. Unha das novidades dentro das actividades do domingo, será a presenza dunha polbeira para o xantar.

Na presentación das actividades realizada o pasado martes no salón de plenos do Concello participou tamén a autora do cartel deste ano, a ourensá Ruth González Robles, alumna da EASD Antonio Faílde, gañadora de entre un total de 24 propostas pola claridade, limpeza e frescura da súa proposta.

A Concelleira de Cultura destacou, ademais, a concentración de actividades durante esta fin de semana: “unha aposta global e coordinada por amosar todo o que Ourense ten que ofrecer, reforzada ademais pola oferta de desconto nos traxectos de tren con destino a Ourense que realiza Renfe desde o pasado 23 de abril ao 3 de maio”, dixo Belén Iglesias, “e o esforzo dos establecementos hoteleiros da cidade, que prepararon unha serie de paquetes turísticos para atraer visitantes”.

Cartel gañador do concurso
Cartel gañador do concurso

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Pol

Que tradición máis enxebre. Que non se perda!