A oposición reclama someter a control público as sociedades Impulsa e RDG e o PP volve negarse

Os populares critican que BNG e PSdeG sigan "veña e dálle" con esta demanda. A través destas sociedades a Xunta impulsa proxectos estratéxicos e enerxéticos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/04/2025 | Actualizada ás 15:07

Comparte esta noticia

A oposición volveu pedir, esta vez na comisión de economía do Parlamento galego, que as sociedades Impulsa e Recursos de Galicia (RDG) --a través das cales a Xunta impulsa proxectos estratéxicos e enerxéticos-- sexan sometidas a control público, algo ao que se negou o PP, ao votar en contra cos mesmos argumentos que en anteriores ocasións e criticando a BNG e PSdeG que sigan "veña e dálle" con esta demanda.

En concreto, unha iniciativa era do BNG e pedía "incorporar" á sociedade para o desenvolvemento de proxectos estratéxicos de Galicia coñecida como Impulsa "ao perímetro de entidades e sociedades públicas autonómicas", así como "articular as medidas para darlle transparencia e sometela a control público, tal e como demanda o Consello de Contas de Galicia".

A segunda proposta proviña do PSdeG para solicitar á Xunta "que se dirixa" a Recursos de Galicia "para que cumpra coas recomendacións feitas no último informe de fiscalización do sector público autonómico do Consello de Contas sobre a súa obrigación de transparentar a súa actividade e render contas ao órgano de control externo galego". O Consello de Contas lembra neste documento á Xunta de Galicia que ten pendente de aplicación a súa recomendación para "transparentar" a actuación financeira de Impulsa Galicia e Recursos Naturais de Galicia.

Pola súa banda, o PPdeG votou en contra de ambas as proposicións, e o deputado Gonzalo Trenor censurou que a oposición "segue veña e dálle" e "dálles igual as explicacións que se lles dean". "A única resposta que lles interesa é a que coincide co que expoñen", afirmou. Neste sentido, tanto Trenor como Cristina Sanz esgrimiron que non lles son de aplicación a Impulsa e a Recursos de Galicia a Lofaxga (lei de organización e funcionamento da administración xeral e do sector público autonómico de Galicia). A socialista Patricia Iglesias censurou este argumento, posto que Contas o que fala é de "innegable influencia pública".

TRES MINUTOS DE FACENDA

Noutro debate, a nacionalista Noa Presas aproveitou para criticar que Facenda se reunise este luns durante "tres minutos" co ministerio para abordar a quita da débeda. "Caro sáelle aos galegos ter este goberno ao seu mando", cargou. Tanto ela como a socialista Elena Espinosa avisaron dos niveis de débeda da comunidade, en apoio a un texto do Bloque sobre os informes de fiscalización das contas xerais das comunidades e recomendacións "aínda sen cumprir". Respecto diso, Sanz cifrou en 82 as recomendacións "totalmente aplicadas" e asegurou estar "a traballar para cumprimento a máis" dos consellos do órgano fiscalizador.

Fachada principal do Pazo do Hórreo, sede do Parlamento de Galicia
Fachada principal do Pazo do Hórreo, sede do Parlamento de Galicia | Fonte: Parlamento de Galicia - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta