Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 03/05/2025 | Actualizada ás 22:00
Erguido sobre os escarpados cantís do Cabo Vilán, no concello de Camariñas, o faro Vilán é moito máis ca unha guía para os navegantes: é un símbolo da Costa da Morte. Símbolo do seu pasado tráxico, da súa identidade mariñeira e da aposta pola modernidade que caracterizou unha terra azoutada polos temporais e os naufraxios. Inaugurado en xaneiro de 1896, este faro foi o primeiro de toda España en funcionar con enerxía eléctrica, o que marcou un fito na navegación marítima do país e na sinalización. A súa situación estratéxica, sobre un promontorio a máis de 100 metros sobre o nivel do mar, fai del un referente tanto paisaxístico como patrimonial para Galicia.
A construción deste novo faro veu motivada por unha das traxedias máis impactantes da zona: o naufraxio do 'HMS Serpent', un buque escola da Armada británica que se estrelou contra os baixos da Punta do Boi na noite do 10 de novembro de 1890, nunha zona onde a visibilidade era practicamente nula. O desastre causou a morte de 173 dos 176 tripulantes que ían a bordo, que tiveron que ser enterrados polos veciños de Camariñas no que hoxe se coñece como o cemiterio inglés de Punta do Boi. Esta catástrofe puxo en evidencia as limitacións do vello faro, construído en 1854, que non iluminaba correctamente os perigosos baixos da zona pola falta de altura e alcance suficientes para advertir dos perigos da costa. A resposta foi a construción do faro actual, máis potente e tecnoloxicamente avanzado.
O faro actual, deseñado para corrixir as carencias do antigo e proporcionar unha luz clara, visible dende longas distancias, eríxese nunha torre octogonal de granito rosa da zona, de 25 metros de altura e situada sobre un penedo de 80 metros, o que a eleva a máis de 100 metros sobre o nivel do mar. A súa luz --dous lampos brancos cada 15 segundos-- alcanza ata 28 millas náuticas --uns 52 quilómetros--. Nun comezo, a luz producíase empregando un arco eléctrico de carbón, unha tecnoloxía moi avanzada para a época, que foi substituída en 1924 por unha lámpada de incandescencia. O faro funcionou durante décadas con persoal permanente, pero actualmente está automatizado.
CENTRO DE INTERPRETACIÓN DE NAUFRAXIOS, FAROS E SINAIS MARIÑAS
O edificio que acompaña á torre do faro tamén ten un gran interese arquitectónico e funcional. Trátase dunha vivenda rectangular cos cuartos dos técnicos e un patio interior, unidos á torre por un pasadizo cuberto con 150 chanzos para salvar o forte desnivel do terreo. Este edificio alberga na actualidade o Centro de Interpretación de Naufraxios, Faros e Sinais Mariñas da Costa da Morte, unha sala de exposicións e unha pequena tenda de recordos. O faro, automatizado desde hai anos, segue operativo, pero tamén é un espazo de divulgación e memoria viva do lugar.
O Cabo Vilán non é só un punto de interese histórico ou técnico, senón tamén un enclave natural de gran valor ecolóxico e paisaxístico. En 1933 foi declarado Sitio Natural de Interese Nacional e actualmente tamén forma parte da Rede Natura 2000, como espazo protexido pola súa biodiversidade e pola importancia dos seus hábitats. As vistas desde o faro son impresionantes: os cantís abruptos, o mar bravo e a sensación de infinito que ofrece o Atlántico fan que a visita sea unha experiencia difícil de esquecer. Hoxe, o faro Vilán segue a cumprir a súa función de guía, pero tamén é un lugar para reflexionar sobre a historia, o mar, os perigos e a resiliencia dunha terra que sempre soubo mirar cara o océano con valentía.
ASÍ SE XESTOU O FARO VILÁN: A PARTIR DUN POSTO DE VIXÍA DO SÉCULO XVIII
Na zona de Vilán, pola súa estratéxica posición, había dende o século XVIII un posto de vixía. En 1851 a Dirección Xeral de Obras Públicas encárgalle ao enxeñeiro Alejandro de Olavarría un proxecto de faro. Óptase finalmente por erguer un faro nun outeiro algo terra adentro. O proxecto foi aprobado en setembro de 1851, as obras comezaron en agosto do ano seguinte e foi entregado en decembro de 1853. Mais a luz deste faro chocaba cunha elevación situada no Vilán de Terra e deixaba unha zona oculta, polo que a luz non era visible desde o mar. Para corrixir este defecto, pensouse en demoler parte desa altura, pero despois de diversas campañas e de consumir moita pólvora e cartos, case tantos como os que custou o faro, desistiuse. Así, o faro foi inaugurado o 10 de xullo de 1854 cun alcance de 10 millas. Tamén se construíu un edificio para albergar a dous torreiros.
En 1855, encárgase un proxecto para erguer unha nova torre na plataforma achandada polas demolicións, mais o proxecto non vai adiante. En 1859, vólvese encargar outro, esta vez ao enxeñeiro Celedonio de Uribe, quen propón unha nova torre sobre a xa existente. Proxecto que tampouco vai adiante, ao considerar a Comisión de Faros que sería mellor instalar unha torre sobre a explanada. Debido aos atrasos na realización do novo proxecto non se atende nin se repara o faro e vivendas existentes, que se ven deteriorados polos temporais e a falta de coidados. Neste tempo tamén houbo unha queixa do goberno inglés, en 1877, que pedía o aumento da visibilidade do faro. Foi entón cando se decide aumentar a altura da torre en 3 metros e se cambia a lámpada, que pasa a ser alimentada por parafina e non por aceite. Pero todas estas melloras non foron suficientes para eliminar esa zona cega, polo que desde 1879 vólvese falar dun novo proxecto, agora xa pensando nun faro de primeira orde.
O NAUFRAXIO DO 'HMS SERPENT' ACELEROU A FINALIZACIÓN DO NOVO FARO
O proxecto para o novo faro foi redactado polos enxeñeiros Francisco Lizárraga e Adolfo Pequeño. Tamén houbo intentos para establecer na zona un semáforo ou sinalización por medio de bandeiras, mais este acabou indo para Fisterra, inaugurado en 1883. O naufraxio máis coñecido ata entón na Costa da Morte, polas repercusións que tivo na sociedade, foi o do buque da armada británica 'HMS Serpent', acontecido en 1890, cando aínda o novo faro eléctrico non estaba en funcionamento, e iso acelerou a finalización do faro de Cabo Vilán e aclarou as dúbidas sobre a implantación deste novo sistema luminoso.
O novo faro vai lanzar os seus primeiros raios de luz na noite do 15 de xaneiro de 1896. Foi o primeiro faro en utilizar enerxía eléctrica, producida por dúas máquinas de vapor Thomas&Laurens, que accionaban dúas magnetoeléctricas Meritens de dobre circuíto, proporcionando unha potencia suficiente para que a luz alcanzase as 40 millas. A luz producíase por arco eléctrico entre dous carbóns. Cando entrou en funcionamento non só era o maior faro de España, senón que tamén era un dos maiores de Europa. Tiña unha lámpada eléctrica da casa Barbier. Pero, como entón a enerxía eléctrica era unha novidade, instaláronse tamén unhas lámpadas de aceite mineral, por se fallaba a electricidade.
LAMPOS BRANCOS CADA 15 SEGUNDOS QUE COIDAN DE TODOS OS MARIÑEIROS
Como o persoal para atender o novo faro aumentou --seis torreiros, un fogueiro e un maquinista-- houbo que construír un novo edificio. Este persoal repartíase entre o novo edificio, que só tiña unha planta, e a vivenda construída canda o antigo faro. En 1907, decídese engadirlle unha planta máis ao novo edificio, pasando a ter 8 vivendas en 1909. Como consecuencia, abandonouse o edificio xunto ao primitivo faro, que acabou por ser desmantelado e aproveitada a pedra para o peirao de Camariñas. Diante do edificio actual había outro máis pequeno que albergaba a sala de máquinas. Para a construción do faro chegaron canteiros das terras de Cotobade. Dadas as condicións de dureza e illamento da vida no lugar, o faro Vilán tiña un regulamento especial para os seus torreiros.
En 1924 chega a enerxía industrial subministrada pola empresa Electra del Jallas, o que permite substituír o arco voltaico por unha lámpada de incandescencia de 8.000 buxías. Tamén permite aloxar as máquinas no edificio principal e desmantelar o que estaba diante das vivendas creando unha explanada. Dous anos despois cámbiase o mecanismo de rotación: máquina de contrapeso de La Maquinista Valenciana e un flotador de mercurio. A óptica e a lanterna orixinal son substituídas no período de 1962-1964. En 1922 entra en funcionamento o radio faro, substituído en 1936 por outro Marconi. A serea entra en funcionamento en 1962. A luz do faro Vilán está a 22,55 metros do chan e a 100,55 sobre o nivel do mar. A súa apariencia é de lampos brancos cada 15 segundos.
OUTROS FAROS NA COSTA DA MORTE
A actual sinalización marítima da Costa da Morte empeza coa construción dos faros das Illas Sisargas e de Fisterra en 1853. Esta zona é unha franxa difícil para a navegación e a falta de sinalización incidiu nos numerosos naufraxios que nela aconteceron. Despois destes primeiros faros, érguese o primitivo Faro de Vilán (1854), Cabo de Cee (1860), Louro (1862), o novo Vilán (1896), Touriñán (1898), Illas Lobeiras e Rebordiño (1909), Roncudo (1920), Punta Insua (1921), Laxe e Punta da Barca (1928) e o último en erixirse foi o de Nariga, que entrou en funcionamento en 1998. Na Costa da Morte tamén tivo lugar a instalación da primeira serea de España para alertar aos barcos nos días de néboa. Era unha serea de aire comprimido que se situou en Fisterra e entrou en funcionamento en decembro de 1889, coñecida co nome de 'A Vaca de Fisterra'. En 1915 porase en funcionamento outra serea nas Illas Sisargas.
Ver esta publicación en Instagram
¿Gústache esta noticia?Problemas cos comentarios?
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.
¿Gústache esta noticia?
- Así se xestou o faro Vilán, a luz que naceu da traxedia
- Cando a neve era tan cotizada como o ouro en Galicia: Así se xestionaba este prezado ben
- A Deputación de Lugo acusa á Xunta de "atrasar" a protección da Torre de Caldaloba, en Cospeito
- Cortes de tráfico desde este luns en Pontedeume polas obras de rehabilitación da ponte
- A Xunta comeza a recuperación de edificios litorais con especial valor para reconvertelos en hoteis
- Sentinelas de pedra e luz: dende cando existen os faros en Galicia?