Por Ángela Precedo | PONTEVEDRA | 17/08/2025 | Actualizada ás 20:00
O silencio que hoxe envolve a ribeira do Ulla en Catoira garda ecos doutro tempo. Entre malas herbas e ladrillos rotos, aínda semella escoitarse o murmurio do barro amasado, as voces dos traballadores e a calor dos fornos acesos día e noite. Alí, onde agora se levantan ruínas oxidadas e muros vencidos polo abandono, houbo unha vez vida, lume e esperanza. As telleiras foron durante décadas o latexo desta terra: fábricas de barro e de soños, onde as mans curtidas moldeaban as pezas que darían teito a miles de familias galegas. A viaxe deste lugar é tamén a de toda unha nación: da artesanía de María Antonia, á expansión de Telleira de Rodríguez e, finalmente, o salto industrial con Producto Ulla. Tres nomes que resumen máis dun século de esforzo e de adaptación, e que hoxe convídannos a reflexionar sobre como mudan os tempos, como se transforman as paisaxes e como a memoria se aferra ás ribeiras dun Ulla que foi testemuña do paso do tempo.
UNHA RIBEIRA FEITA DE BARRO E LUME
A ubicación destas telleiras non foi casual. A ribeira do Ulla ofrecía o esencial: abundancia de arxila de boa calidade, auga para o amasado, leña para os fornos e, sobre todo, un embarcadoiro natural que permitía transportar as pezas en embarcacións cara Santiago, Padrón, Pontevedra ou mesmo A Coruña. Era un enclave estratéxico nunha Galicia na que as comunicacións terrestres eran lentas e custosas, e o río era a mellor estrada. Ademais, a tradición alfareira na zona viña de antano: Catoira e as vilas veciñas aprenderan a convivir coa riqueza do barro, transformándoa en ferramenta de progreso. O río non só era unha vía de transporte, senón tamén un nexo de unión entre comunidades que compartían técnicas e saberes. Por iso, a mediados do século XX, esta ribeira converteuse nun dos puntos neurálxicos da produción de materiais de construción no Baixo Ulla.
A TELLEIRA DE MARÍA ANTONIA: O COMEZO DA TRADICIÓN
A primeira en asentarse neste punto foi a Telleira de María Antonia, vencellada á familia Boullosa e arrendada aos artesáns Fariña. Alí, durante a primeira metade do século XX, elaborábanse tellas e ladrillos de maneira totalmente artesanal. O barro recollíase en Dena --zona de Meaño con materia prima de moi boa calidade-- e no propio monte dos arredores, moldeábase a man e cocíase en fornos de leña. Os tellados de moitas casas de Santiago e de toda a comarca cubríronse con tellas nadas neste lugar. O traballo era duro e requiría dunha cadea de esforzo coordinado: dende a extracción da arxila ata o aceso dos fornos, que podían permanecer en marcha durante días enteiros. A telleira era tamén un punto de atopo social e económico, xerando emprego para homes e mulleres da parroquia e da contorna. As súas pezas, aínda que humildes, eran consideradas de gran calidade, o que consolidou a súa fama máis aló da comarca.
A TELLEIRA DE RODRÍGUEZ: CONTINUIDADE E CRECEMENTO
Cando a actividade de María Antonia cesou, deu paso á Telleira de Rodríguez. Un complexo rectangular, con forno, vivenda para os traballadores e un embarcadoiro no mesmo río. Durante décadas, a actividade intensificouse, e o nome de Rodríguez asociouse a unha produción a maior escala, aínda que seguía mantendo o caracter artesanal. A telleira ampliou a súa capacidade de produción, e a súa estrutura máis moderna permitiu respostar á crecente demanda da posguerra, cando a necesidade de reconstrución impulsou a construción en Galicia. Moitos veciños de Catoira lembran o ir e vir constante de carretas, o fume dos fornos e as barcazas cargadas de tellas e ladrillos que zarpaban con destino a outros municipios. Era unha época na que o traballo na telleira non só sustentaba familias, senón que tamén marcaba o ritmo de vida local.
O SALTO Á INDUSTRIA MÁIS MODERNA: PRODUCTOS ULLA
O verdadeiro cambiou chegou a partir dos anos sesenta, coa creación de Productos do Ulla, S.L., unha fábrica que supuxo o paso definitivo da artesanía á industria. Rexistrada oficialmente en 1969, esta empresa deixou atrás o proceso manual e centrouse na produción mecanizada de ladrillos. Xa non se trataba só de cubrir tellados con tellas, senón de levantar muros enteiros para un país que se urbanizaba a pasos axigantados. O ladrillo converteuse no novo símbolo de progreso, e as telleiras, incapaces de competir, foron caendo unha a unha. Nos seus mellores anos, Productos Ulla deu traballo a decenas de familias da zona, converténdose nunha das principais industrias de Catoira. A súa maquinaria moderna permitiu abastecer a un mercado cada vez máis amplo, dende pequenas obras locais ata grandes construcións urbanas. Sen embargo, a dependencia da construción e as sucesivas crises do sector puxeron en xaque a súa continuidade, ata que en febreiro do 2011 pechou definitivamente.
POR QUE DESAPARECERON AS TELLEIRAS?
As telleiras extinguíronse por varias razóns. Entre elas, a mecanización e a industria moderna, que abarataron custos e aceleraron a produción, deixando obsoletos os métodos tradicionais; a escaseza de man de obra especializada, xa que as novas xeracións buscaban oficios menos duros e mellor remunerados; o cambio de hábitos construtivos, co ladrillo desprazando á tella artesanal como elemento central da edifición; e a falta de competitividade loxística, xa que o transporte en camións por estrada substituíu ás barcazas, deixando ás telleiras ribeireñas sen a súa vantaxa estratéxica. A todo iso sumouse un factor cultural: o abandono do artesanal en favor do rápido e barato. Así, o que durante séculos fora un símbolo de enxeño e traballo comunitario, quedou relegado á lembranza en apenas unhas décadas.
TELLA E LADRILLO: DÚAS CARAS DUNHA MESMA TRADICIÓN
A simple vista, tella e ladrillo poden semellar mundos distintos, pero son irmáns do mesmo barro. Ambos nacen da arxila, da auga e do lume, e ambos foron a base da arquitectura popular e urbana de Galicia. O paso da tella ao ladrillo foi, en realidade, unha evolución natural: a sociedade demandaba muros sólidos e edificios máis altos, e o ladrillo respostou a esa necesidade. A transición non foi inmediata. Durante anos, conviviron as vellas telleiras que producían tellas coas novas fábricas ladrilleiras. Sen embargo, o ladrillo rematou por impoñerse porque ofrecía maior resistencia e adaptábase mellor ás novas técnicas construtivas. Así, moitos fornos que antes cocían tellas, reconvertíronse para producir ladrillos, marcando o final dunha etapa e o comezo doutra.
A MEMORIA EN RUÍNAS
Hoxe, quen se achega a estas antigas instalacións, atópase estruturas silenciosas, invadidas polas malas herbas. Pero o lugar aínda fala. Cada ladrillo caído lembra o esforzo das mans que o moldearon; cada muro derrubado é testemuña dun tempo no que a ribeira do Ulla foi motor económico e social. O abandono non borrou a memoria colectiva. Veciños maiores aínda evocan o fume que tiña o ceo, a calor que emanaba dos fornos e o traxín de obreiros e barcazas. Para eles, estas ruínas non son simples restos industriais, senón as pegadas dunha forma de vida desaparecida. A historia das telleiras de Catoira non é só a de tres nomes, senón a dun pobo que soubo reinventarse e que hoxe loita por non esquecer. Lamentablemente, no canto de loitar pola preservación destes lugares como espazos da memoria industrial de Galicia, na actualidade estanse vendendo en mase a grandes e máis modernas compañías que derruban as vellas naves para asentar as súas novas infraestruturas.
Ver esta publicación en Instagram
¿Gústache esta noticia?Problemas cos comentarios?
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.
¿Gústache esta noticia?
- (Vídeo) O barro que forxou Catoira: visitamos o que queda de Telleira de Rodríguez, reconvertida en ladrilleira
- (Vídeo) Dende o miradoiro de Valle-Inclán divísase un mar de madeira e mexillóns: a historia das bateas da ría de Arousa
- (Vídeo) Praia de infancias eternas e cunchas por moedas
- O BNG acusa á Xunta de "amparar" o "novo espolio" dos Franco na Casa Cornide: "É un recochineo á democracia"
- Santa Leocadia, o templo onde naceu unha parroquia cun pasado milenario
- Un pazo de pedra, dúas historias: de Cornide a Carmen Polo