Reto para seguir soñando

O Leyma Básquet Coruña afronta en Melilla ante o máximo favorito os dous primeiros partidos das semifinais polo ascenso á ACB co obxectivo de acadar unha vitoria e volver a Riazor coa eliminatoria igualada. Este venres, primeiro asalto; e o domingo ás 19.00h, o segundo.

Por gcdeportes | A Coruña | 06/05/2016 | Actualizada ás 09:01

Comparte esta noticia

Sen tempo para descansar pero co dereito a soñar tralo subidón de ter eliminado ao Breogán no quinto partido. Tan só 72 horas despois, o Leyma Básquet Coruña afronta contra Melilla, por primeira vez na súa historia, un play-off de semifinais polo ascenso á ACB. Este venres ás 21:00 horas, primeiro asalto; domingo ás 19.00h, o segundo, co grande obxectivo de volver a Coruña cunha vitoria e a eliminatoria empatada.

Tito Díaz fai piña cos seus xogadores tras vencer a Breogán no quinto partido.
Tito Díaz fai piña cos seus xogadores tras vencer a Breogán no quinto partido. | Fonte: @basquetcoruña

“Non estamos aquí de casualidade, estamos porque nolo gañamos”, avisa Tito Díaz, orgulloso do rendemento do seu equipo, pero consciente do potencial do rival, máximo favorito ao ascenso, subcampión de Liga e de Copa e segundo o técnico galego o mellor plantel da LEB Ouro, con dous xogadores contrastados para cada posición.

Ata cinco xogadores do Melilla, adestrado por Alejandro Alcoba e co lucense Javi Muñoz de segundo técnico, teñen pasado en Coruña: os exteriores Asier Zengotitabengoa, Pablo Almazán e Marcos Suka-Umu e os pivotes Edu Gatell e Hernández-Sonseca. Josep Franch e Pelayo Larraona no posto de base, Eloy Almazán, Héctor Manzano e o ex-breoganista Brandon Edwards completan o plantel.

“Seguir disfrutando e seguir competindo, sendo fieis ao noso estilo, e non baixar nunca os brazos”, apunta como clave Tito Díaz, que asume o maior cansazo dos seus trala intensa serie co Breogán (Melilla venceu 3-0 a Cáceres) pero asemade destaca o ritmo de competición co que chega o seu equipo, listo para a batalla e só cos habituais golpes e sobrecargas (Sergio Olmos, Chus Castro) tras tres partidos en apenas cinco días (venres, domingo e martes). O técnico lucense si bota en falla non haber tido máis tempo para preparar as semifinais e incidir nas virtudes e os defectos do rival.

Pola súa banda, Alejandro Alcoba, técnico melillés, loubou o xogo de equipo do seu rival. “Leyma Basquet xoga moi ben como equipo,  onde todos os xogadores síntense importantes e aportan. Teñen un baloncesto moi equilibrado entre xogo interior e exterior. Sergio Olmos no poste baixo é un xogador determinante e Burjanadze é un catro aberto cunha grandísima man e que agora está asumindo algunhas xogadas máis de poste baixo, pero o que destaco é a confianza que teñen e onde calquera xogador é quen de xerar unha vantaxe para o compañeiro”. Alcoba prevé unha eliminatoria esixente, aínda que desexaría que fose curta, e agarda hoxe aproveitarse do cansazo coruñés: Leyma tivo mércores de recuperación, o xoves viaxou cara Melilla en avión e este venres afronta o desafío de seguir soñando co ascenso á ACB.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta