Por pereira_menaut_autor | VIGO | 06/05/2025
Xabier Vila Fernández
Porén, máis aló da inevitábel empatía co seu malestar, débese advertir que aos árbitros, como aos propios futbolistas e aos adestradores, os agravios e as groserías verbais (non así as agresións físicas) vanlle incluídos no soldo. En concreto, o de De Burgos rolda os 300.000 euros brutos anuais. Por ese salario, case o cento por cento dos españois apandaría con calquera cousa que lle dixesen sobre el e a súa familia, viva ou defunta. Xa o advirte un acertado refrán galego: «Dáme pan e chámame can».
Os integrantes desta aristocracia deportiva, ademais dos exercicios físicos e os adestramentos psicolóxicos, teñen que comezar a recibir clases prácticas de filosofía estoica, pois como lles aconsellarían aqueles sabios da antigüidade, a ataraxia, a imperturbabilidade do ánimo, é a ferramenta que necesitan para ser por completo felices na súa profesión e cesar na criminalización de quen considera que os ofenden.
A ataraxia implica que se un colega, ou calquera outra persoa, cóspeche na cara, ti, tranquilamente, cha limpes con delicadeza e continúes o partido, ou o que estiveses a facer, coma se nada ocorrese. É o que nos ensina Epicteto: «Lembra que o que che inxuria non é o que che ofende nin o que che agride, senón o teu xuízo acerca de que eles che están tratando mal. Por tanto, cando che irrite alguén ten a certeza de que é o teu propio xuízo quen realmente che irritou».
A máis de a do filósofo, a vida laboral do árbitro da Primeira División de fútbol masculino aseméllase á do escritor.
O autor dunha obra literaria dedícalle todos os seus coñecementos e atención para que non teña nin un só erro ortográfico. Para logralo corrixe as probas de imprenta tres ou catro veces, até que se convence de que lle quedou impecábel.
Nos séculos pasados, para asegurarse a perfección, o impresor expoñía os últimos pregos de proba na fachada do seu local e animaba aos viandantes a que buscasen erratas abonándolles unha módica cantidade de diñeiro por cada unha que atopasen.
Tras realizar a totalidade das comprobacións, procedíase á impresión dos volumes, pero aínda así resultaba inevitábel acompañar os exemplares cunha folliña na que figuraban os erros non detectados antes de imprimir a versión definitiva: a outrora famosa «fe de erratas».
Pois ben, o árbitro de fútbol anque actúa con idéntica dilixencia á do escritor, ao finalizar os encontros florécenlle os correctores (xornalistas, afeccionados, dirixentes…) armados coa correspondente fe de erratas para recriminarlle as súas equivocacións.
Non obstante, nos lances do xogo máis polémicos os desacertos non son tales dado que as decisións tómanse aplicando criterios subxectivos. Que un criterio sexa subxectivo supón que non se basea unicamente nos datos que nos facilitan os nosos sentidos, senón que tamén interveñen a nosa intuición, a nosa experiencia previa e as nosas filias e fobias, sexan conscientes ou inconscientes. En consecuencia, o criterio subxectivo non é racional, pero tampouco irracional; é arracional: sitúase nunha dimensión distinta á da razón. Por este motivo, o que o aplica non o pode explicar de xeito convincente e o que o analiza non o pode comprender de ningún xeito.
O público e os profesionais do fútbol deben asumir que as cousas neste espectáculo deportivo funcionan desta maneira, por iso é polo que para que sobreviva durante moitos anos entre nós como deporte recoñecíbel chegou o momento de substituír o queixismo polo estoicismo.
O dito: «Dáme pan e chámame can».
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.