Por Galicia Confidencial | Vigo | 12/05/2016 | Actualizada ás 11:41
SOS Sanidade Pública e a xunta de persoal do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (Chuvi) convocan este xoves unha nova protesta contra a privatización da sanidade pública, sobre todo, tras a privatización de servizos básicos no hospital Álvaro Cunqueiro.
"É posible recuperar o Hospital Álvaro Cunqueiro para a sanidade pública, que o Meixoeiro xogue o papel fundamental que ten que xogar na área, que o anexo 1 do Xeral sexa un centro de alta resolución e que se abra outro centro no Morrazo", dixo o voceiro da Plataforma de Defensa da Sanidade Pública, Manuel González Moreira.
Así mesmo, o secretario xeral de CCOO-Sanidade, Ángel Cameselle, sinalou que a manifestación deste xoves, que sairá ás 20,00 horas da Praza de España, é unha mobilización máis convocada polos profesionais sanitarios para protestar polos servizos e medios que foron recortados respecto ao proxecto inicial tras a apertura do novo hospital.
En relación a iso, recalcou que en realidade "a manifestación a está a convocar a administración" como consecuencia de "cuestións básicas" como os problemas na comida, o prezo do parking, a suspensión de operacións, as colas para pedir citas e que Vigo ten a lista de espera "máis alta de Galicia e das máis altas de España" mentres se pechan camas.
Tamén criticou que hai unha "carencia importante" no equipo; que o novo hospital se viu "diminuído" respecto ao previsto e, con todo, custou "4 veces máis"; e que este centro non conta con laboratorio central e a súa actual situación no Meixoeiro carrexa "dificultades para os profesionais e os cidadáns".
"Os intereses económicos impiden que os cidadáns teñan unha boa sanidade", insistiu Cameselle, que apuntou que "a solución non é chegar a pequenos acordos que están ben -entre os que mencionou o prezo do aparcamento e a desprivatización dunha parte do persoal celador-", senón "desprivatizar" a área sanitaria de Vigo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.