Galicia contará con 108 bandeiras azuis ondeando nas súas praias este verán: estas son as novidades

Contará tamén con este distintivo en 12 portos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/05/2025 | Actualizada ás 14:37

Comparte esta noticia

Galicia terá este ano un total de 108 praias en 35 municipios coa bandeira azul, un distintivo de carácter internacional co que a Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (Adeac) recoñece anualmente a areais de todo o mundo seleccionados en base a unha serie de criterios de sustentabilidade, accesibilidade e servizos. Desde maneira, segundo informa a Xunta, a comunidade galega concentra "case un de cada seis" destes distintivos concedidos en España (642) e consolida a súa posición entre as tres rexións que reciben un maior número de estandartes para as súas praias, xunto con Valencia (143) e Andalucía (138).

Dos 108 areais galegos galardoados na presente edición recibe este distintivo por primeira vez O Mende, en Vigo. Ademais, Grande, en Miño, e San Francisco, en Muros, recuperan a bandeira que non luciron no 2024. Así mesmo, Adeac tamén deu a coñecer este xoves a relación de portos deportivos nos que ondeará o distintivo azul. Das 101 instalacións recoñecidas no conxunto do país, 12 están en Galicia, unha máis que na pasada edición, xa que entra na listaxe o Liceo Marítimo de Bouzas (Vigo), un porto que, ademais, estréase entre os galardoados.

CENTROS AZUIS

De igual maneira e aínda que neste caso non lucirán bandeira como tal, esta asociación recoñeceu un ano máis o labor dos chamados centros azuis, categoría na que se engloban aulas de natureza e de mar, centros de recepción de visitantes e instalacións similares dedicadas á educación ambiental en municipios relacionados co programa 'Bandeira Azul'.

Dos 92 centros azuis que haberá este ano en todo o país, 17 están en Galicia, que é a segunda comunidade con máis distincións neste campo, só por detrás de Valencia (23). Neste apartado, destaca a incorporación do Museo-Centro de interpretación Mar do Sorrizo, en Arteixo, e do visor submarino Nautilus, localizado nas instalacións da Autoridade Portuaria de Vigo, xa que se estrean en ambos os casos como centros azuis.

Os criterios esixidos por Adeac para a concesión da bandeira azul, no caso de praias e portos, están relacionados coa calidade das augas --que ten que ser excelente--; a seguridade e a accesibilidade; a dotación de servizos; así como a xestión ambiental e a sustentabilidade, segundo apunta o Executivo autonónico. Pola súa banda, os centros azuis deben fomentar a educación ambiental no litoral, o coñecemento da contorna e as alternativas de lecer.

DATOS POR PROVINCIAS

Por provincias, Pontevedra concentra un ano máis o maior número de bandeiras azuis de Galicia, concretamente 53 que recaen noutras tantas praias e sete en instalacións portuarias. No caso da Coruña, os galardoados foron 39 areais e catro portos e no de Lugo, recoñeceuse con este distintivo a 16 praias e un porto deportivo. Sanxenxo volve repetir como o municipio español con máis areais galardoados, un total de 17, os mesmos que en 2024. O concello pontevedrés recibe, ademais, tres distincións para outros tantos portos e terá tamén un centro azul.

No caso de Vigo é a cidade galega que recibe máis bandeiras para as súas praias (12) e o segundo municipio de España nesta clasificación, ademais de ter tamén un porto e un centro recoñecidos; e o de Baiona, con cinco praias, unha área portuaria e un centro azul. Así mesmo, na provincia da Coruña, Arteixo volve concentrar o maior número de bandeiras, con seis praias e un centro azul; seguido da Coruña -- cinco areais e un porto --, Oleiros -- cinco praias distinguidas ademais de dous centros azuis -- e Ferrol --con cinco bandeiras azuis --. Por último, Foz é o concello lucense con máis areais galardoados, cinco en total; seguido de Burela, con dúas praias e dous centros azuis; Ribadeo, que suma dúas praias con bandeira e o único porto distinguido nesta provincia; e Barreiros e O Vicedo, con dous areais cada un.

CARREIROS AZUIS

En relación aos carreiros azuis, por cuarto ano consecutivo, Adeac convocou estes distintivos no marco dun programa independente ao de Bandeira Azul co que se busca pór en valor o papel das sendas como un recurso valioso para gozar da natureza e aprender a interpretar a contorna. Galicia concentra 54 dos 154 itinerarios galardoados en 2025 en todo o país --cinco máis que os que tiña en 2024-- e segue sendo a comunidade con máis carreiros azuis. En total e sumando praias, portos, centros de visitantes e carreiros distinguidos, Galicia atesoura 191 galardóns, balance que a sitúa como a terceira comunidade que concentra máis recoñecementos, por detrás de Valencia (213) e Andalucía (196).

Praia en Sanxenxo
Praia en Sanxenxo | Fonte: CONCELLO DE SANXENXO

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta