Os acusados dunha rede de narcotráfico en Ourense aceptan rebaixas nas súas penas tras un acordo coa Fiscalía

O catro acusados por integrar unha rede de tráfico de drogas con epicentro en Ourense recoñeceron este mércores a súa implicación nos feitos durante a vista celebrada na Audiencia Provincial, tras alcanzar un acordo de conformidade coa Fiscalía que supuxo unha rebaixa substancial das penas inicialmente solicitadas.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/05/2025 | Actualizada ás 20:04

Comparte esta noticia



Os catro acusados por integrar unha rede de tráfico de drogas con epicentro en Ourense recoñeceron este mércores a súa implicación nos feitos durante a vista celebrada na Audiencia Provincial, tras alcanzar un acordo de conformidade coa Fiscalía que supuxo unha rebaixa substancial das penas inicialmente solicitadas.

O xuízo centrábase nunha complexa operación iniciada pola Policía Nacional en novembro de 2020, tras detectar a existencia dun grupo estable que se dedicaba á adquisición e distribución de cocaína, haxix e marihuana na provincia. No marco desta investigación, levaron a cabo escoitas telefónicas, seguimentos e múltiples rexistros domiciliarios nos que se incautaron grandes cantidades de droga, diñeiro en efectivo e útiles de manipulación.

A Fiscalía cualificara os feitos como constitutivos de delitos contra a saúde pública na súa modalidade agravada por notoria importancia, en concurso cun delito de integración en grupo criminal, solicitando penas que oscilaban entre o seis e nove anos de prisión, ademais de elevadas multas que superaban os 800.000 euros nalgúns casos.

Con todo, o pacto alcanzado nesta xornada modificou de forma significativa o panorama. O Ministerio Fiscal retirou o cargo de pertenza a grupo criminal e aplicou as atenuantes de confesión e dilacións indebidas, o que permitiu unha rebaixa das condenas.

S.A., considerado o principal acusado e responsable da distribución, foi condenado a catro anos e seis meses de prisión, cunha multa de 129.500 euros. M.V., implicado no transporte de cocaína, viu reducida a súa condena tamén tras admitir os feitos, no seu caso a tres anos e 107.040 euros de multa.

A condena para C.U. foi de 2 anos e unha multa de 5.000 euros (20 días de prisión en caso de falta de pagamento). J.R., quen ocultaba parte da droga no seu domicilio e foi descrito no xuízo como consumidor habitual de alcol e cannabis, foi finalmente condenado a catro anos e 54.020 euros.

OPERACIÓN PULSEIRA

Tras a súa saída de prisión en terceiro grao durante o 2020, por outro caso relacionado co tráfico de drogas, S.A. volveu ao mesmo mundo, pero co condicionante de que saíu á rúa cunha pulseira que permitía xeolocalizalo. Por tanto, a Policía Nacional empezárono a seguir con facilidade, ata que o volven a pillar nas patacas nun garaxe, con preto dun quilo de cocaína.

A intervención policial permitiu a incautación de máis de 770 gramos de cocaína pura só nunha das operacións, ademais de case tres quilos de cannabis, básculas de precisión, diñeiro en metálico e envasadoras ao baleiro, entre outros efectos. O valor das sustancias intervidas no mercado ilícito superaba os 400.000 euros.

O acordo entre as partes evitou a celebración íntegra do xuízo, quedando todas as penas fixadas por conformidade. O tribunal ditará sentenza nos próximos días en base ao pacto alcanzado.

Audiencia provincial de Ourense
Audiencia provincial de Ourense | Fonte: Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta