"Como mestre, como representante público e como veciño, pídolle que escoite"

O tenente de alcalde de Caldas escribe ao conselleiro de Educación "como mestre" para que reabra unha aula de Infantil.

Por Europa Press / Redacción | Caldas de Reis | 09/05/2025 | Actualizada ás 17:13

Comparte esta noticia

O tenente de alcalde de Caldas de Reis, Manuel Fariña, escribiu ao conselleiro de Educación, Ciencia, FP e Universidades, Román Rodríguez, unha carta "como mestre" para solicitarlle a reapertura dunha aula de Infantil do CEIP San Clemente, suprimida o curso pasado.

O concelleiro, do BNG, remitiu esta misiva na que se reivindica como persoa que "coñece ben" o citado colexio e "que leva anos defendendo que a educación é un dereito e unha prioridade, nunca un gasto". Por iso, sabe o que "representa" o CEIP San Clemente para a parroquia, "para as familias que cada mañá levan aí aos seus fillos e para un profesorado que traballa con vocación e constancia". "E sei que vostede tamén o coñece, porque estivo alí hai uns anos para anunciar unha reforma integral tan necesaria como esquecida pola súa administración", esgrime a continuación.

Neste contexto, Fariña relata como a decisión de suprimir o curso pasado a terceira unidade de Infantil "caeu como un golpe duro", pero máis aínda "a súa negativa a abrila agora que a matrícula neste centro aumenta". "Resulta ademais totalmente incomprensible", apostila. Isto, subliña a carta, implica "aulas máis cheas, menos atención individual, preocupación nas familias e decepción" entre quen loitan "pola escola pública". Así, o tenente de alcalde de Caldas advirte que este tipo de decisións "non poden tomarse só con cálculo estatístico".

Fariña insiste en que a súa carta "non pretende confrontar, senón apelar á responsabilidade compartida" aínda que as "competencias" neste asunto son da Administración galega. Así a todo, solicita ao conselleiro unha rectificación e que se reabra a aula: "Sería un sinal de respecto á comunidade educativa e unha mostra de que a Xunta segue crendo no ensino público como columna vertebral do país".

"Como mestre, como representante público e como veciño, pídolle que escoite. Que mire máis aló dos números. Que pense nos nenos e nenas que están a piques de comezar a súa etapa escolar e que merecen facelo en condicións dignas. Que pense no futuro de Caldas de Reis", conclúe o tenente de alcalde.

Román Rodríguez visita un centro no inicio do curso escolar. XUNTA DE GALICIA
Román Rodríguez visita un centro no inicio do curso escolar. XUNTA DE GALICIA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta