A Xunta di que a viaxe en tren entre Ferrol e A Coruña pode reducirse a 45 minutos

O Goberno galego e o Concello ao completo, incluídos todos os grupos políticos, esixen diversas actuacións en infraestruturas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/05/2025 | Actualizada ás 17:25

Comparte esta noticia

A Xunta presentou este mércores a membros da Corporación de Ferrol un estudo no que propón diversas melloras na rede ferroviaria con varios obxectivos, entre eles o de reducir a 45 minutos a viaxe cara á Coruña.

En concreto, reuníronse en Santiago o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, co alcalde de Ferrol, José Manuel Rei Varela (PP), e cos portavoces do catro grupos municipais nesta cidade: Pamen Pieltain (PP); Rafael Fernández (PSOE); Iván Rivas (BNG); e Jorge Suárez (Ferrol en Común), para abordar as necesidades da cidade en materia de infraestruturas ferroviarias. No encontro tamén participaron a directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, e a delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros.

Durante a reunión, Calvo presentou o estudo 'Propostas de mellora da mobilidade e o transporte ferroviario en Ferrolterra', impulsado pola Xunta ante a "falta de concreción" do Estado en relación coas actuacións previstas nesta área. O documento sinala como principais problemas a obsolescencia da infraestrutura e os materiais, a falta de mantemento, as limitacións do trazado e os altos tempos de viaxe, o que repercute nunha baixa competitividade e un uso decreciente deste medio de transporte.

Así, a través dun comunicado, a Xunta propón a reordenación e melloras na infraestrutura para reducir os tempos de viaxe a 45 minutos coa cidade da Coruña, e mellorar a funcionalidade e seguridade viaria, cun investimento estimado de máis de 250 millóns de euros. As actuacións previstas inclúen melloras puntuais no trazado, a execución da variante de Betanzos, o establecemento de novos puntos de cruzamento para incrementar as frecuencias, a electrificación da liña e a adecuación dos apeadeiros.

ESTACIÓN INTERMODAL

Neste encontro, a Xunta tamén detallou que a cidade de Ferrol non dispón de estación intermodal, xa que "tanto a Xunta como o Concello de Ferrol levan anos esperando a formalización dos convenios co Estado para esta obra", en prol da accesibilidade e a funcionalidade. Segundo sinalou Diego Calvo, "Ferrol precisa de iniciativas para non perder o tren da modernización nas infraestruturas ferroviarias".

Nesta liña, lembrou que a Xunta leva anos demandando a intermodal para esta cidade, a única en Galicia que non a ten en funcionamento ou en obras, e a mellora da liña ferroviaria entre A Coruña e Ferrol para reducir os tempos de viaxe, así como a inclusión desta rede e do porto de Ferrol no Plan director do Corredor Atlántico.

SUPRESIÓN DO TREN ALVIA

Ademais, o conselleiro aludiu á supresión da única ligazón directa entre Ferrol e Madrid, a través dun tren Alvia, a partir do 9 de xuño, e que evidencia que "lonxe de mellorar as conexións, o Goberno segue reducíndoas". "Xa o diciamos onte, que cando Renfe fai un anuncio é para tapar unha mala noticia e hoxe podemos confirmar que non nos equivocabamos", afirmou o integrante do Goberno da Xunta.

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, reúnese co alcalde de Ferrol, José Manuel Rei Varela, e membros da corporación.. XUNTA
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, reúnese co alcalde de Ferrol, José Manuel Rei Varela, e membros da corporación.. XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta