CC.OO. sobre a aprobación da redución de xornada laboral a 37,5 horas semanais: "Xa vai sendo hora"

O proxecto de lei xa foi aprobado polo Consello de Ministros, pero precisa da ratificación das Cortes.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/05/2025 | Actualizada ás 15:00

Comparte esta noticia

O Sindicato Nacional de CCOO de Galicia celebra este xoves e o venres, días 15 e 16 de maio, o seu 13.º Congreso Nacional, no que elixirá o seu secretario xeral. Neste marco, a actual ocupante deste cargo e candidata á reelección, Amelia Pérez, expresou que "xa vai sendo hora" de que de se fixe a xornada semanal máxima en 37,5 horas, reivindicación na que o sindicato "leva tempo traballando".

Tal e como destacou Pérez, o Congreso ten como fin facer análise do labor dos últimos catro anos e debater as próximas liñas de actuación. Precisamente, os "retos máis inmediatos" son a redución de xornada, o combate dos discursos do odio e a implicación da mocidade no ámbito sindical. En canto á cuestión laboral, a actual secretaria xeral explicou que CC.OO. "leva tempo traballando no ámbito confederal para conseguir que se fixe unha xornada semanal máxima de 37,5 horas".

Inauguración do Congreso de CC.OO., a 15 de maio
Inauguración do Congreso de CC.OO., a 15 de maio | Fonte: CC.OO.

O proxecto de lei xa foi aprobado polo Consello de Ministros, pero precisa da ratificación das Cortes. Nesta liña, a sindicalista expresou que "xa vai sendo hora de que se aprobe esa redución" e criticou "as incoherencias dalgún partido político" neste debate. "A xente que está en política debe ter claro que ten que mellorar a vida da xente para que o país avance. Ese é o sentido no que CCOO traballa", asegurou.

O PAPEL DOS SINDICATOS

No seu discurso, Pérez defendeu o papel esencial das organizacións sindicais. "Somos imprescindibles para que o país avance. Nun contexto de incertezas como no que estamos, os sindicatos debemos achegar esperanza. Imos seguir defendendo a organización da clase traballadora e mellorar a vida da xente". A secretaria xeral reivindicou, neste sentido, a continuidade dos valores fundacionais da organización: "Os principios reitores que nos moven son os mesmos que os daqueles que nos precederon e se xogaron a vida para traer a democracia. Temos que seguir con ese mesmo compromiso, militancia e, ao tempo, paixón e ilusión para seguir traballando por este país".

PRESENZA INSTITUCIONAL

Por outra banda, o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, remarcou, na súa intervención durante a inauguracion do Congreso, que o Goberno de España "non se conforma" e traballa para crear "máis emprego e de calidade". Entre os desafíos do Goberno para "mellorar a vida das persoas", Blanco sinalou a redución da xornada laboral como o "máis inmedianto". "É unha nova conquista coa que queremos mellorar a conciliación entre a vida persoal e profesional, contribuíndo, desta forma, a mellorar a calidade de vida das e dos traballadores", apuntou. O delegado valorou, ademais, a acción do Goberno durante a crise da pandemia da COVID, cando desenvolveu un escudo social "para non deixar a ninguén atrás, facendo política sempre ao carón dos traballadores e das traballadoras".

Así mesmo, o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, apelou, na súa intervención, á "necesidade de seguir reforzando o diálogo social" como "ferramenta esencial para abordar os retos presentes e futuros do mercado laboral", de modo que se realice unha aposta pola "procura de consensos lexitimados". O responsable autonómico indicou que desafíos como a duración e flexibilidade da xornada laboral, a cobertura de vacantes, o absentismo inxustificado e a prevención de riscos laborais esixen "de cooperación, escoita e acordos" que permitan consolidar os "bos datos" do mercado de traballo en Galicia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta