Por gcdeportes | Ferrol / Compostela | 17/05/2016 | Actualizada ás 09:55
Era a eliminatoria que o Racing non quería, polas baixas obrigadas de Jon Ander Garrido e Kike Márquez, cedidos polo rival, e pola longa viaxe. E segundo contan dende terras andaluzas, o equipo ferrolán (Barakaldo ou Vilarreal B eran as outras opcións) era o preferido polo Cádiz, pola xeira negativa racinguista das últimas xornadas de Liga (só unha vitoria nas últimas sete) e pola decepción vivida en Astorga. Non chega moito mellor o Cádiz, sempre coa esixencia de ascender e tras rachar na última xornada en Xaén (0-1) unha xeira de sete partidos consecutivos sen gañar. Tocou o que tocou, e o Racing de Ferrol xogará xa este sábado ás 21.00 horas o partido de ida en Cádiz. A volta, na Malata o domingo 29 ás 17.00 horas.
A dinámica negativa do equipo gaditano custoulle o posto ao ex-deportivista Claudio, subsituído hai catro xornadas por Álvaro Cervera, xa coa experiencia de ter subido a Castellón e Tenerife a Segunda A. Pola contra, Miguel Ángel Tena enfrontarase ao equipo co que xogou un play-off de ascenso como xogador hai tan só dúas campañas, a anterior á súa chegada a Ferrol. O técnico racinguista loita por recuperar o estado anímico dos seus xogadores tralo golpe recibido en Astorga, e o club presentou recurso ante o Comité de Competición para tentar que Joselu, que recibiu a quinta amarela na Eragudina, poida xogar xa no Carranza este sábado.
O técnico andaluz xa deixou claro o seu obxectivo: deixar a porta a cero no partido de ida, no que o seu equipo estará apoiado por ata 20.000 seareiros nas bancadas. O Racing de Ferrol tentará marcar no Carranza e chegar co mellor resultado posíbel á Malata. Tena avisa: "Non todo está perdido. Temos que levantarnos e loitar polo ascenso"
Fase de ascenso a 2ªB
Boiro – Caudal de Mieres. O equipo de José Luis Lemos tentará aproveitar o seu bo momento de forma ante un rival cuns números que asustan: 98 puntos, só dúas derrotas e só 12 goles encaixados en toda a Liga. Adestrado polo ex-ovetense Iván Ania e con xogadores con experiencia, o Caudal Deportivo tenta este ano regresar a Segunda B tras descender a campaña pasada. A ida, este domingo en Barraña (18.00 horas). Se o Boiro pasa esta eliminatoria, será equipo de Segunda B. Se non, terá outra oportunidade.
Villaralbo – Cerceda: o equipo zamorano rematou cuarto no grupo VIII de Castela e León grazas o seu bo final de Liga. Venceu na última xornada 1-0 ao Atlético Bembibre e sumou cinco vitorias nas últimas seis xornadas sen perder. Os de Ángel Cuéllar xogarán a ida este domingo en Villaralbo (campo de herba sintética) e serán o único equipo galego que decida a eliminatoria en campo propio. O equipo zamorano foi o que menos goles encaixou (26) no seu grupo.
El Palmar – Dépor B: este domigno ás 12.00 horas, en Riazor, abrirá o Fabril a súa eliminatoria contra El Palmar CF Estrella Grana de Murcia. A volta, o domingo 29 tamén ás 12.00h. Ao igual que o Dépor B, El Palmar foi terceiro no grupo XIII de Murcia. Acadou 66 puntos, a doce do primeiro, tras gañar 20 partidos, empatar 6 e perder 8. Marcou 71 goles e encaixou 30.
Choco – Badaxoz: repetirá viaxe a terras estremeñas. Se na primeira experiencia no play-off hai un ano tocoulle o Extremadura, desta volta será o Badaxoz, refundado do histórico do mesmo nome. O equipo de Marcos Montes xogará esta fin de semana en Santa Mariña e a volta será en terras estremeñas. Na mente do equipo redondelán, evitar o 0-3 do ano pasado, que os deixou sen opcións xa na ida. O rival foi segundo no grupo 14º, con 89 puntos e só tres derrotas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.