Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/05/2025 | Actualizada ás 20:28
Galicia rexistrou 1.742 raios nas últimas 24 horas pola aproximación dunha dana polo oeste de Galicia que provocou que se perdese a influencia anticiclónica. Así, varios puntos da comunidade galega está en aviso laranxa por treboadas que poden ir acompañadas de sarabia e por precipitacións acumuladas que poden chegar aos 30 mm nunha hora.
O aviso laranxa esténdese tamén a Ourense, concretamente ás zonas do Miño e do noroeste da provincia, onde se esperan precipitacións intensas que poderían alcanzar os 35 mm nunha hora. Ante isto, a Xunta suspendeu a actividade deportiva federada no exterior dos concellos do centro e do sur de Lugo desde as 15.00 horas ata a medianoite.
Ademais, polas fortes choivas recomendan circular con precaución e informarse antes do estado das estradas, non atravesar zona alagada ou que poidan chegar a alagarse e non aparcar preto dos ríos. Ata o momento os maiores rexistros de acumulado de precipitacións foron en Rodeiro (31.1 l/m2), seguido de Viveiro e Castro de Rei. Para o luns espérase unha xornada de transición na que as baixas presións iranse afastando de Galicia. Así, haberá ceos parcialmente anubrados con choivas ocasionais, en xeral débiles, que remitirán cara á noite.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.