Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/05/2025 | Actualizada ás 15:17
No marco da oposición do BNG á explotación da mina de Doade (Ourense), a eurodeputada do Bloque, Ana Miranda, subliñou que Galicia "non pode ser territorio de espolio para satisfacer os intereses armamentístiscos da UE" e reiterou o rexeitamento a este "proxecto megamineiro" ás institucións europeas. Fíxoo a través dunha carta ao Vicepresidente Executivo da Comisión Europea para a Prosperidade e Estratexia Industrial, Stéphane Séjourné, e coa presentación dunha pregunta parlamentar.
Así o destacou durante unha visita á Serra do Suído, na que estivo acompañada, entre outros, por representantes da plataforma SOS Suído Seixo, e onde tamén sinalou que a existencia de materiais como o litio non pode servir "nin para expoliar Galicia nin para branquear as políticas de rearmamento da UE". Ademais, a eurodeputada nacionalista denunciou a "falta de participación" das comunidades locais, concretamente das comunidades de montes, das asociacións ecoloxistas e dos sindicatos sectoriais do rural nos órganos de regulación do sector.
"Precisamente a pregunta remitida á Comisión Europea fai referencia á importancia de que a CE garanta a xestión do proxecto e de que, no caso de que este proxecto estratéxico de materia prima crítica sexa contrario aos intereses públicos galegos poidan decidir non conceder a aprobación para o desenvolvemento desta mina", indicou o BNG nunha nota de prensa. Con todo, lembrou que no ano 2023 Ana Miranda presentou un total de 50 emendas no informe da Comisión de Política Rexional da Lei de Materias Primas, das que 43 foron incluídas no texto final "e referíanse especificamente as materias primas que presentan un alto risco de suministración, como poden ser o litio para as baterías ou o silicio para os semiconductores".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.