OPINIÓN.- "O PSOE fala mal galego e o BNG fálao peor"

  O escritor e candidato da FPG, Xosé Luis Méndez Ferrin, reflexiona neste artigo sobre o uso político da lingua...

Por Galicia Confidencial | Galicia | 18/02/2009

Comparte esta noticia

None

Debémoslle a "Galicia Bilingüe" e a Rosa Díaz (no sei se Díez) o inmenso favor de colocaren a "cuestión lingüística" no primeiro plano da campaña electoral. Por iso falamos dun "referendo".

Os inimigos do galego e os antiautonomistas e españolistas e arrenegados daranlle sen dubidar o seu voto ao PP ou ao partido da nova bruxa de Zugarramurdi (proben imaxinala cun pano pirenaico ao cachirulo, nada máis étnico).

Logo están os do bipartito, que foron totalmente solidarios en materia de política lingüística. Primeiro, o BNG cedeulle ao seu socio a xestión de lingua, incorporada, como nós pedíamos, á Presidencia. Logo, os do BNG limitáronse a fundar as galescolas, insuficientes e deficitarias. En plan experimental. A política lingüística do bipartito foi morna e tímida. Como se os seus axentes estivesen temendo a avalancha da contra, que realmente se produciu.

Coido que os tímidos e os satisfeitos e os acomodaticios en política lingüística van votar o PSOE. Aínda que (non esquenzan) inimigos do galego tan furiosos como os de "Galicia Bilingüe" son Jesús Bahillo (Clube Financeiro de Vigo) ou Francisco Vázquez, ambos do PSOE. Logo haberá quen pense que a garantía de galeguismo lingüístico é o BNG. Pro non é certo.

O PSOE fala mal galego e o BNG fálao peor. Non soen pronunciar, estes últimos, a conxunción copulativa . Din y logo; y que lle queres. A miseria da lingua do BNG demostra moi pouco amor ao símbolo máximo da Nación.

O modelo de idioma que a FPG propón é o dos nosos escritores e escritoras que constitúen modelos de lealdade lingüística e de perfección máis ben insuperábel. Non queremos ser arrogantes, pro no asunto do idioma somos nós os que definimos a liña do ceo. E no referendo que vén agardamos que a opción dos que aman verdadeiramente o galego se concentre nas nosas candidaturas.

Xosé Luis Méndez Ferrín 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA