Por Galicia Confidencial | Santiago | 25/05/2016 | Actualizada ás 10:00
O perfil xenérico do incendiario forestal en España consistiria nun home, español, casado, sen antecendetes policiais, ocupado laboralmente en tarefas de pouca cualificación (xeralmente no campo), ou xubilado, con estudos elementais, residente en contornas rurais e adecuadamente socializado. Así o conclúe unha investigación asinada polo doutor Andrés Sotoca Plaza.
Sotoca defendeu na Universidad Complutense de Madrid a súa tese 'Perfil criminológico del incendiario forestal: estudio empírico basado en la evidencia', na que segue a metodoloxía utilizada en Portugal para determinar o perfil psicosocial do incendiario forestal, a cargo de expertos do Instituto Superior de Policia Judiciária e Ciências Criminais e a Universidade do Minho, que estableceron catro perfís de incendiario forestal no país veciño.
Para debuxar o perfil do incendiario para o caso español, o autor da tese utilizou datos dunha mostra de 1.919 incendios forestais ocorridos en España. Coa metodoloxía aplicada e cos datos analizados, Sotoca comprobou ademais que o domicilio do incendiario forestal "estaría preto do incendio, na mesma localidade ou nunha localidade próxima".
"A nível psicolóxico, é pouco probable que estivese en tratamento psicoterapéutico e que consuma algún tipo de droga", prosegue o investigador.
Nas súas conclusións, o autor do estudo tamén salienta que o incendiario forestal "adoita actuar en solitario, sen cómplices, e é probable que non fose obxecto de vixilancia policial antes da súa detención, podéndose afirmar que non pertence a ningún grupo relacionado co crime organizado".
Porén, este perfil xenérico "sería de pouca axuda en tarefas de identificación policial", como apunta o propio autor da investigación.
A investigación tamén analiza diferenzas estadisticamente significativas entre o perfil dos incendiarios imprudentes que escapan do lugar dos feitos e tentan ocultar a súa autoría (imprudentes graves), daqueles que quedan no punto onde se orixina o incendio e avisan aos servizos de emerxencias, colaborando en tarefas de extinción (imprudentes leves). "Os datos empíricos mostran que, efectivamente, o imprudente grave posúe menor nível educativo, maiores problemas psicolóxicos, utilizan con maior frecuencia o chisqueiro como medio de ignición e contan con maiores antecedentes policiais", expón Sotoca, quen decidiu "en consecuencia", "non ter en conta aos imprudentes leves nas análises multivariantes, porque ademais supoñen unha tipoloxía de delincuente que non xera ningún problema para a súa identificación policial, principal meta do perfil criminolóxico".
O terceiro obxectivo da investigación foi tratar de establecer perfís tanto de incendios como de autores (tipoloxías) e observar se existe asociación entre algún dos tipos de incendio con algún tipo de delincuente, contando cunha mostra de 1.013 incendios presuntamente cometidos por 825 autores distintos.
"Verifícase que o incendio forestal é susceptible de segmentarse en tipos, pero cada procedimento arroxa uns resultados distintos", explica Sotoca.
TRES GRANDES TIPOS DE PERFÍS
Con todo, unha análise detida dos resultados mostra que se poden establecer tres grandes tipos de perfís ou macroperfís do incendiario forestal en España, denominados de acordo ás súas motivacións: perfil de incendiario por "obtención de beneficio", "sen sentido" e "imprudencia". "Ningunha das análises tivo en conta a motivación de incendio por vinganza para establecer os perfís", aclara o autor.
O perfil "imprudente" responde a incendios que se inician en cultivos, mediante un só foco e que arrasan zonas dedicadas ao aproveitamento agrícola. "Non coinciden con ningún patrón anterior, e o autor adoita ser unha persoa integrada persoal, social e laboralmente", describe Sotoca, que engade: "Están casados, teñen amigos, traballan no campo, sen antecedentes penais e sen problemas psicolóxicos ou co uso de drogas.
O perfil "sen sentido" describe ao autor dun incendio que se inicia nunha pista forestal, mediante varios focos e queima unha zona dedicada ao aproveitamento forestal. O lume coincide cun patrón anterior e son máis frecuentes no verán e pola tarde-noite. Estes incendiarios "tenden a ser persoas desadaptadas, solitarias, sen amigos, con problemas psicolóxicos e que consomen substancias estupefacientes, podendo cometer os feitos baixo os seus efectos". Ademais, "adoitan ser solteiros, desempregados, con antecedentes policiais e viven preto do lugar do incendio".
Por último, o perfil do incendiario por "obtención de beneficio" aparece en sinistros que se inician nunha estrada e queiman zonas dedicadas ao aproveitamento gandeiro. "Os lumes poden relacionarse cun delito asociado e formar parte dunha serie, coincidindo no seu patrón. Os autores puideron ser sometidos a vixilancia policial con anterioridade", explica o investigador.
GALICIA, UN CASO EXCEPCIONAL
Nas últimas dúas décadas, os incendios danaron o 25% do total da superfície en España, sendo Galicia a autonomía máis afectada. Calcúlase que entre o 55% e o 60% son provocados por distintas motivacións, "sendo as máis habituais a eliminación de matogueira e resíduos agrícolas e a rexeneración de pasteiros (prácticas tradicionais inadecuadas), as queimas por 'pirómanos', a obtención dalgún beneficio non agrícola nin forestal (como, por exemplo, facilitar a caza) e a vinganza", recolle o autor da tese, quen salienta que "só se identifica a un 2-3% dos seus autores".
No período 2001-2010 a media de sinistros en todo o Estado foi de 17.127 lumes ao ano, que afectaron a 113.847 hectáreas de masa forestal de promedio, e dos cales case a metade (o 42,29%) afectaron a Galicia.
O mes con maior superfície forestal afectada do primeiro decenio do século XXI para o total estatal foi agosto de 2006, con 97.394 hectáreas de superfície forestal afectadas polo lume, pertencendo o 86% a Galicia, que no devandito mes rexistrou un total de 2.253 sinistros. A partir dese momento, e como lembra Sotoca, a Fiscalía do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia impulsou o desenvolvemento de novas ferramentas de investigación, como o perfil criminolóxico, abrindo as Dilixencias de Investigación 58/2006.
Polo tanto, e xa que practicamente a metade da mostra que utilizou Sotoca procedeu de incendios detectados en Galicia, o autor propón para próximas investigacións facer estudos comparativos entre os casos galegos e os do resto de España para averiguar se se poden dar máis especificidades.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.