Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/05/2025 | Actualizada ás 15:13
O Parlamento de Galicia viviu este xoves un novo choque entre representantes da Xunta e do BNG pola política de contratación e polas cifras de execución dos orzamentos do Servizo Galego de Saúde (Sergas) e, máis concretamente, polo plan de saúde mental 2020-2024, tras a publicación dos últimos informes do Consello de Contas.
Ocorreu durante a comisión de sanidade, política social e emprego da Cámara, onde a secretaria xeral técnica da Consellería de Sanidade, Natalia Lobato, respondeu a unha pregunta formulada pola nacionalista Montse Prado, quen sinalou que "cada novo informe do Consello de Contas é unha nova fotografía da política sanitaria do PP", baseada no "neoliberalismo puro e duro" de "beneficiar a empresas amigas".
En primeiro lugar, a deputada do Bloque referiuse á análise da Conta Xeral do Sergas do ano 2023, que sinalou que había unha "deficiente técnica orzamentaria" por unha "infraestimación" dos gastos en persoal e medicamentos.
Ademais, Contas constatou que o gasto en actividade concertada aumentara un 18% entre 2019 e 2023, e que había "defectos" na tramitación dos gastos da concertada, porque o Sergas "segue utilizando a autorización de uso temporal" para contratar de maneira directa estes servizos "sen concorrencia, publicidade e igualdade de trato", tendo en conta que carecen "das notas de excepcionalidade e temporalidade" que xustifican o emprego desta figura.
Así mesmo, Montse Prado explicou houbo unha redución de crédito por 170 millóns de euros en atención primaria en 2023, "fronte a un incremento practicamente na mesma contía" a hospitalaria.
EXECUCIÓN DO 97%
Pola súa banda, a secretaria xeral técnica destacou que a mesma fiscalización da Conta Xeral de 2023 recolle que a execución orzamentaria do ano 2023 foi do 97%, con 4.973 millóns de euros en total, un incremento do 8,4% con respecto ao ano precente.
Así mesmo, Natalia Lobato negou que os reparos de Contas sobre a transparencia da Consellería de Sanidade e todos os seus entes sexan un "incumprimento", senón que "recomenda melloras" que a Administración estudará.
Tamén defendeu a legalidade dos contratos menores e os procesos negociados de adxudicación, á vez que sinalou como Contas, no seu informe, di que recorrer aos concertos coa sanidade privada cumpre "un papel relevante" na prestación dos servizos a nivel estatal. "O Consello de Contas en ningún caso pon de manifesto irregularidades", insistiu.
En canto ás diferenzas de investimento entre a primaria e a hospitalaria, Lobato explicou que esta última "require máis investimento" pola súa "complexidade", o cal "non obsta en absoluto" para que se invista máis en primaria. En concreto, en 2023 orzáronse neste nivel 1.526 millóns e "o crédito final executado foi de 1.548 millóns", 20 millóns máis.
PLAN DE SAÚDE MENTAL
Tamén se referiu a deputada do BNG ao informe de Contas sobre o plan de saúde mental 2020-2024, que xa na sesión de control provocou un enfrontamento entre a portavoz nacional da formación, Ana Pontón, e o presidente da Xunta, Alfonso Rueda.
O Bloque eleva a "33,5 millóns de euros" o executado nesta folla de ruta que inicialmente, tal e como se anunciou tras a pandemia da covid-19, ía constar de 83 millóns de euros.
Prado explicou este xoves, na comisión de sanidade, que esta cifra se obtén da suma dos 24,5 millóns executados do plan entre os anos 2021 e 2023 --un 16% menos que os máis de 29 millóns previstos inicialmente nestes exercicios, segundo ratifica Contas-- e outros 9 millóns da incorporación de persoal entre 2020 e 2024.
Fronte a estas cifras, a secretaria xeral técnica de Sanidade acusou á deputada do BNG de realizar unha "lectura distorsionada" do informe de Contas, que recoñece o "rigor orzamentario" do Sergas co plan.
Neste contexto, Lobato puxo o foco en que Contas "sinala que unicamente houbo unha variación do 0,7%" tendo en conta as modificacións de crédito. Con todo, é certo que o mesmo informe, a continuación, explica: "A pesar de ter crédito dotado, non se executou o gasto, o que supuxo unha desviación final entre o gasto previsto como necesario e o realmente executado do 16%".
O "HISTÓRICO" PLAN DE SAÚDE MENTAL
O "histórico" plan de saúde mental tamén foi o obxecto dunha pregunta formulada en comisión pola deputada do PP Encarna Amigo ao director xeral de Asistencia Sanitaria, Alfredo Silva, quen recalcou que é un "das principais prioridades" da Consellería.
Silva reivindicou que Galicia foi "pioneira" en deseñar esta folla de ruta tras a pandemia e que finalizou en decembro de 2024, polo que ao longo deste 2025 presentarase a próxima.
O director xeral destacou os 83 millóns de euros anunciados inicialmente e a previsión de habilitar 244 prazas de persoal especializado, das cales están cubertas o 92%.
Non en balde, confirmou o anuncio realizado por Rueda o mércores no pleno, segundo o cal este ano se incorporarán 14 novos psicólogos clínicos en atención primaria, que se engadirán ao sete que xa exercen. O obxectivo será incorporar 50 novos para o ano 2030.
En calquera caso, Alfredo Silva recalcou que o Sergas ten hoxe "case o dobre de profesionais" de saúde metal que no ano 2009: de 285 por día a 557 que hai agora mesmo. Ademais, en 2024 atendéronse 477.471 consultas neste tipo de servizos, case 250.000 máis que en 2009.
O director xeral aproveitou a súa comparecencia para reclamar ao Ministerio de Sanidade que permita acreditar máis prazas de formación sanitaria especializada, tamén en saúde mental.
Durante a súa exposición, Encarna Amigo (PP) cargou contra o BNG por empregar os informes do Consello de Contas coa "única intención de manipular e torcer os datos" para cargar contra a Xunta e "xerar titulares", sen "contribuír a buscar solucións".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.