Por Europa Press / Redacción | VIGO | 31/07/2025 | Actualizada ás 13:08
O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, apuntou ás "alarmantes listas de espera" de psiquiatría tras o crime dunha traballadora do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) do Porriño a mans, presuntamente, do marido da anciá á que coidaba, o cal padecía unha enfermidade mental. En dous audios difundidos aos medios de comunicación, Losada lamentou que nos últimos tempos están a reiterarse casos de mortes violentas onde fillos ou irmáns das vítimas con problemas de saúde mental acaban coa vida do seu familiar.
Para el, isto demostra que as longas listas de espera en psiquiatría, que chegan a tardar ata un ano para a primeira consulta, e as "carencias" na atención deste tipo de pacientes, "conducen a estas situacións". Tras as súas declaracións, o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, apuntou que por agora "non se teñen datos suficientes" para avaliar o tema, sendo "imprudente" falar do caso e facer "especulacións" sen "a información necesaria". Despois, Losada volveu enviar un audio á prensa, non querendo "polemizar", pero insistindo en que o conselleiro "ten motivos para estar preocupado". O subdelegado do Goberno incidiu no tres mulleres que faleceron nos últimos meses a mans de fillos ou irmáns con enfermidades mentais "moi graves", ás que se suma esta empregada do SAF.
Despois de tachar de "desfasados" os protocolos que regulan a colaboración entre os servizos sanitarios e os corpos e forzas de seguridade do Estado, Losada púxose a disposición do conselleiro para abordar este tema e buscar solucións a estas incidencias, "moito máis frecuentes do que o conselleiro parece pensar", nas que "a enfermidade mental xoga un papel determinante". Tamén se referiu a a conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, para tratar a situación do SAF e do Funga de adultos tutelados.
CAAMAÑO REXEITA ASOCIAR O CRIME CON PROBLEMAS NA SANIDADE GALEGA
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, rexeitou "todo intento de asociar unha desgraza con problemas na sanidade pública galega", lamentando o "carroñeirismo político" de, sen nomealo, o subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada. Caamaño rexeitou "con contundencia, todo intento de asociar unha desgraza con problemas na sanidade pública galega", considerándoo unha "falta de respecto" ás vítimas, aos profesionais sanitarios e á poboación en xeral. Segundo dixo, a obrigación da Xunta é cubrir todo o problema de saúde mental en Galicia "e niso está". "O resto, se quere facer carroñeirismo político, que o faga", sentenciou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.