Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/05/2025 | Actualizada ás 14:53
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, denunciou que mentres o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, "atranca a declaración de zonas tensionadas", "cada día hai 18 familias máis que necesitan unha vivenda en Galicia". O socialista sostivo que o rexistro oficial de demandantes de vivenda pasou de case 18.000 inscritos o pasado outubro a practicamente 22.000 a día de hoxe.
Besteiro censurou que, a pesar deste incremento que indican os datos do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) en só sete meses, "Rueda obstaculiza medidas como a declaración de zonas tensionadas porque o PP non está polo labor de conter os prezos". "As políticas dos 16 anos de gobernos do PP están a empeorar o problema", advertiu o xefe de filas do PSdeG en Madrid tras reunirse co secretario xeral do PSE-EE, Eneko Andueza, e o conselleiro vasco de Vivenda, o socialista Denis Itxaso, cos que analizou as medidas que recolle o Plan director de vivenda 2025-27, que impulsan desde o Goberno vasco.
Da reunión informou este mércores o PSdeG nun comunicado, no que dá conta de que Besteiro asistiu en Madrid á intervención de Andueza no Fórum Europa. "Falamos de como se deben desenvolver as políticas de vivenda, con ambición e aproveitando todas as posibilidades e recursos", explicou o secretario xeral do PSdeG fronte a un Rueda que "anuncia a construción de miles de pisos, pero non fai nada" máis aló de lanzar "fogos de artificio".
O resultado desta inacción é "unha verdadeira emerxencia habitacional", dixo para asegurar que mostra diso son datos como que o 85 % dos mozos galegos "non se poden independizar antes dos 30 anos", un problema que se estende mesmo ata os 35, cando "o 40 % segue sen poder conseguilo". Besteiro, Andueza e Itxaso estudaron diferentes medidas para combater a crise da vivenda, entre outras, as reformas legais, o apoio á emancipación, o financiamento de vivendas a través dun fondo social, o establecemento de beneficios fiscais tanto para inquilinos como para propietarios ou a declaración de zonas tensionadas que contempla en plan vasco, como tamén a proposta dun banco público de aluguer, que defende o PSdeG.
Respecto da declaración de zonas tensionadas, compartiron a experiencia do País Vasco, onde cada vez máis municipios vanse acollendo a esa figura co fin de conter os prezos do aluguer. E é que, segundo sinalou o PSdeG, os consistorios vascos contan coa colaboración activa do Executivo autonómico, ao contrario do que ocorre en Galicia. Así, abordaron tamén os resultados que pode conseguir este mecanismo en cidades como A Coruña e Santiago, "ambas á espera de que o Gobiernmo do PP da súa aprobación" a pesar dos "atrancos".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.