Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/05/2025 | Actualizada ás 18:26
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, denunciou que o Goberno central deixase "sen un só euro" a Galicia para financiar a atención integral dos menores migrantes non acompañados que prevé trasladar á comunidade.
Así o explicou a responsable autonómica, que participou este mércores na Conferencia Sectorial celebrada en Madrid.
Segundo expuxo, o Ministerio de Mocidade e Infancia non respondeu a ningunha das demandas de Galicia, "que pedía planificación e financiamento para garantir a sustentabilidade" do sistema galego de protección da infancia.
Lamentou ademais que o Executivo central non confirmase a cifra de menores que debería acoller Galicia nin a previsión de datas para a realización dos posibles traslados.
"Con todo, o Ministerio si ratificou que Galicia é unha das comunidades que non vai recibir ningunha achega estatal para asumir o custo da acollida dos menores", denunciou.
A este respecto, insistiu en que "a única información sobre isto coñeceuse a través de medios de comunicación". "O único obxectivo é seguir enredando sen concretar as cifras oficiais e filtrando datos erróneos", lamentou.
Fabiola García tamén indicou que Galicia, "xunto coa ampla maioría de comunidades", rexeitou esta mañá a proposta do Goberno central na que se estipula a capacidade ordinaria de cada territorio para a acollida de menores migrantes.
"Galicia está ante un novo agravio por parte do Executivo de Pedro Sánchez, que non ten en conta as necesidades do sistema de protección de Galicia nin a súa realidade", afeou.
A conselleira tamén apuntou que moitas rexións mostraron a súa desconformidade coa proposta do ministerio ao considerar que a formulación, "que recibiron minutos antes da reunión, incluía erros e non se acollía á realidade do sistema de protección".
Ademais, Fabiola García criticou que o Goberno central "queira agora que as administracións autonómicas propoñan novos criterios de repartición", unha vez que estes xa foron fixados nun Real Decreto aprobado polo Consello de Ministros e convalidado polo Congreso dos Deputados.
"Esta posibilidade non ten lóxica e o único obxectivo que ten é disfrazar a súa imposición unilateral e falta de colaboración interinstitucional", asegura.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.