Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/05/2025 | Actualizada ás 18:31
Un total de 12.946 estudantes galegos están matriculados para participar, entre este martes e este xoves --3, 4 e 5 de xuño-- na convocatoria ordinaria da Proba de Acceso á Universidade (PAU), segundo o novo nome que se lle deu á tradicionalmente coñecida como 'selectividade'. A convocatoria deste ano contén grandes novidades, despois de que a do 2024 puxese fin a uns modelos de exame instaurados coa covid-19 que permitían unha maior optatividade ao responder as preguntas.
Os cambios responden á reforma impulsada polo Goberno central para facer as probas máis competenciais e tamén polos acordos alcanzados entre as comunidades autónomas gobernadas polo PP, entre elas Galicia, para homoxeneizalas. Ademais, en toda España, fóra de Cataluña, a PAU arrincará este martes. Unha das principais novidades é a propia configuración do exame, que será practicamente igual en todas as materias. Xa non haberá os tradicionais modelos A e B, senón que agora as probas de cada materia terán catro preguntas: a primeira haberá que respondela integramente e as tres restantes terán varios apartados ou opcións a escoller polo alumno.
CASE 13.000 ASPIRANTES EN 35 LOCALIZACIÓNS
Os exames da PAU congregarán este ano a 12.946 alumnos --polo modelo ordinario, aos que habería que sumar outros que requiren necesidades específicas de apoio educativo-- en 35 centros esparexidos nunha decena de localidades galegas. Á parte de en facultades das sete principais cidades (A Coruña, Santiago, Vigo, Ferrol, Lugo e Ourense), celebraranse en institutos de Cee, A Rúa e Viveiro. A maior parte dos estudantes acudirán a realizar as probas a Vigo (2.826), Santiago (2.692) e A Coruña (2.723). Tras estas, as sedes máis concorridas serán os campus de Pontevedra (1.286), Ourense (1.124) e Lugo (1.036), seguidas das comisións periféricas de institutos Vilar Ponte de Viveiro (222), Agra de Raíces de Cee (119) e Cosme López Rodríguez da Rúa (123), que buscan evitar longos desprazamentos de alumnos destas comarcas ata as cidades.
HORARIOS DOS EXAMES
A web da CiUG ten publicados desde hai meses os horarios da PAU 2025. Así, en Galicia iniciarase ás 9.00 horas do martes 3 de xuño cunha introdución na que os aspirantes recibirán información de como se desenvolverán o tres xornadas. Tras isto, chegará o primeiro exame, o de Lingua Castelá e Literatura, de 9.30 a 11.00 horas. Durará dúas horas, cando ata o momento eran de hora e media. Tras o descanso, as probas continúan cos exames das asignatuas a escoller de Historia de España e Historia da Filosofía, entre as 12.00 e as 13.30 horas. A primeira xornada retómase ás 16.00 horas cos exames de Bioloxía, Tecnoloxía e Enxeñaría II, Empresa e Deseño de Modelos de Negocio e coa segunda lingua estranxeira: Alemán, Francés, Inglés, Italiano e Portugués. Tras o descanso das 17.30 a 18.00 horas, será a quenda dos estudantes que se examien de Física, Grego, Fundamentos Artísticos e Historia da Música e da Danza. A sesión do martes conclúe así ás 19.30 horas.
SEGUNDA E TERCEIRA XORNADA
A segunda xornada, a do mércores 4 de xuño, arrincará ás 9.30 horas coa proba da primeira lingua estranxeira: Inglés, Francés, Alemán, Portugués e Italiano. Tras o descanso (11.00-11.30 horas), renóvanse os exames con Matemáticas II, Latín II, Debuxo Artístico II, Artes Escénicas e Ciencias xerais. A sesión da tarde inicia ás 16.00 horas coas probas de Química, Xeografía, Deseño e Movementos Culturais e Artísticos. Tras o descanso das 17.30 a 18.00 horas, a xornada finaliza coas probas de Xeoloxía e Ciencias Ambientais, Historia da arte, Técnicas de Expresión Gráfico-plástica e Literatura Dramática. A última xornada de exames, o xoves 5 de xuño, comezará coa proba de galego, que tras o descanso das 11.00 a 11.30 horas, dará paso aos exames de Debuxo Técnico II, Matemáticas Aplicadas aos CC. Sociais II, Debuxo Técnico Aplicado ás AA.PP. e ao Deseño II e Análise Musical. Así, ás 13.00 horas do xoves, daranse por concluídas as probas da PAU de 2025.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.