Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/05/2025 | Actualizada ás 19:53
A Consellería de Sanidade, alertou dos novos vapeadores, que se presentan con "sabores similares ás gominolas, envases con cores rechamantes e debuxos animados", por ser "produtos daniños que semellan inofensivos". Así trasladou a súa preocupación a Xunta nunha nota de prensa, con motivo da celebración do Día Mundial sen tabaco que se conmemora este sábado, 31 de maio.
Nesta liña, salientou as "tácticas enganosas" das industrias do tabaco ao utilizar estratexias dirixidas á mocidade, como as anteriormente citadas que afectan aos vapeadores. Por iso, a Consellería de Sanidade lembrou que, no marco do seu "compromiso coa protección da infancia e a mocidade", ten consolidadas as redes galegas de praias, parques e portos sen fume, coas que busca "desnormalizar o consumo de tabaco en espazos públicos".
Ademais, avanzou que proximamente levará ao Consello da Xunta o proxecto de lei de protección da saúde das persoas menores e de prevención das condutas adictivas que será remitida ao Parlamento para a súa aprobación definitiva. Mediante esta nova normativa, os vapeadores serán equiparados ao tabaco, polo que o seu consumo por menores pasará a estar prohibido.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.