Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 31/05/2025 | Actualizada ás 15:49
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, defendeu este sábado o uso do programa 'E-Dixgal' no sistema educativo, xa que, segundo destacou, "posibilita dotar de competencias básicas ao alumnado". Neste contexto, tamén se pronunciou sobre as baixas de 14 centros e xa asegurado que "uns entran e outros saen, hai que velo con total normalidade".
Cabe lembrar que un total de 599 centros educativos que imparten ensinos de primaria e secundaria empregarán o próximo curso o modelo de ensino híbrido voluntario do proxecto 'E-Dixgal', 14 menos dos que había, segundo a resolución publicada este venres.
"Existe un debate a nivel mundial sobre o mal uso da tecnoloxía nos sistemas educativos, polo que temos que apostar polo bo uso das enormes potencialidades que o mundo dixital ofrece. Sería un absurdo que as escolas estivesen á marxe as dinámicas sociais, non é o futuro, é o presente", subliñou.
Consultado polo abandono destes 14 centros, Rodríguez incidiu en que "'E-Dixgal' é un programa máis que existe dentro dunha estratexia moi ampla do ensino dixital en Galicia, un programa que ten 600 centros involucrados voluntariamente e que están a desenvolver parte do seu traballo en base a este programa".
"Supoño que haberá intereses diferentes e a necesidade tamén de avaliar novos métodos de traballo, de ver novos sistemas didácticos, non creo que haxa algo puramente ideolóxico", concluíu.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.