Caza ilegal e furtivismo: de lazos de aceiro a escopetas con silenciador e trofeos falsificados

Prácticas ilegais como o uso de silenciadores, lazos ou documentos falsos seguen activas en Galicia, amparadas na rutina do rural e na permisividade. Unha realidade que pon en risco a fauna, a sustentabilidade e a convivencia.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 14/06/2025 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Hai delitos que deixan pegada sen ruído. Non precisan grandes organizacións nin redes internacionais, pero si teñen consecuencias directas sobre a biodiversidade, a sustentabilidade dos recursos e a convivencia no rural. A caza ilegal forman parte desa categoría: prácticas aparentemente illadas, que moitas veces se xustifican como tradición ou como resposta á frustración do día a día, pero que agochan condutas ilícitas, instrumentos prohibidos e unha agresión constante aos ecosistemas. En Galicia o Servizo para a Protección da Natureza (Seprona) da Garda Civil enfróntase a diario con esta realidade. A axente Elena Moya, durante as xornadas Nature FIRST, celebradas a pasada semana en Lugo, puxo exemplos concretos: armas con silenciadores, trampas ilegais colocadas en fincas e mesmo trofeos de caza obtidos de forma ilegal que se intentan legalizar con documentación falsificada.

Escopeta con silenciador empregada para a caza ilegal en Vilaboa
Escopeta con silenciador empregada para a caza ilegal en Vilaboa | Fonte: Garda Civil

O panorama é variado, pero o patrón repítese: infraccións frecuentes, danos ambientais importantes e, moitas veces, impunidade. A presión sobre o monte non vén só da sobreexplotación legal, senón tamén destas prácticas ilegais que se agochan entre as rutinas do día a día. Porque detrás dun lazo ben colocado hai unha realidade que pon en perigo o equilibrio do que nos rodea. Non é só un problema de normas ou de sancións, senón unha cuestión de responsabilidade colectiva. Porque o que se saca dun monte sen control non é só materia: é o noso futuro que se ve truncado por mans indesexables. A fronteira entre a legalidade e a ilegalidade, moitas veces, faise difusa, e é nese espazo no que medra unha economía paralela que se alimento do que é de todos e de todas.

CAZA FURTIVA: SILENCIADORES, LAZOS, TROFEOS E DOCUMENTOS FALSOS

Entre os ilícitos máis frecuentes está a caza con medios ilegais, como armas con silenciador, que permiten disparar sen ser detectados, ou a utilización de lazos, artiluxios non selectivos que poden atrapar calquera animal. "En Galicia atopamos moitos casos de colocación de lazos vinculados á 'prevención' de danos en explotacións agro-gandeiras, especialmente para evitar a entrada do xabaril ou do lobo", asegura Moya, que advirte de que "algúns gandeiros optan por usar métodos prohibidos para evitar eses danos, algo que é un delito". E é que o emprego de lazos de aceiro --trampa feita cun cable ou fío de aceiro que forma un círculo corredizo, colocado no chan para que, ao pasar un animal, quede atrapado polo pescozo, pata ou tronco, causándolle feridas graves ou mesmo a morte-- é unha práctica prohibida pola súa natureza non selectiva e polo sufrimento que causa aos animais. A pesar diso, cada ano seguen rexistrándose novos casos en Galicia, tanto de lazos como de emprego de armas e munición prohibida. Estes son só algúns exemplos:

  • Ribadeo, 2023: un veciño foi investigado por colocar lazos ilegais nun monte da súa propiedade, capturando dous xabaríns, un dos cales morreu. O caso chegou a xuízo en maio de 2025 e enfróntase a unha multa de 6.000 euros e á inhabilitación para cazar durante 3 anos. A principal proba foi unha cámara de fototrampeo instalada por un veciño, que gravou ao acusado colocando os lazos. A defensa alegou que a cámara fora colocada sen consentimento, pero os axentes do Seprona confirmaron a validez da proba.
  • As Nogais, 2021: un home de 55 anos foi investigado por colocar 15 lazos de aceiro ao longo de varios quilómetros en camiños empregados por xabaríns no monte da Silva, en Villarín. Ademais, dous cans de caza quedaron atrapados nos lazos, morrendo un deles a causa das feridas. O home foi imputado por delitos contra a protección da fauna e por maltrato animal.
  • Quiroga, 2015: un home de 78 anos foi imputado por utilizar lazos de aceiro para a caza. As trampas estaban disimuladas entre a vexetación, representando un alto risco para a fauna salvaxe e para os cans que puidesen transitar pola zona. Este tipo de prácticas están tipificadas no Código Penal con penas de prisión de 4 a 24 meses ou multas de 8 a 24 meses, ademais da inhabilitación para cazar por un período de 1 a 3 anos.
  • Dodro, 2025: o Seprona investigou a catro homes por caza furtiva na zona das Brañas. Foron interceptados mentres iluminaban o terreo cun foco de alta potencia, e incautóuselles unha escopeta de calibre 12 cargada con tres cartuchos de bala. O emprego de focos potentes para cazar de noite constitúe unha infracción grave segundo a lexislación galega.
  • Vilaboa, 2016: axentes da Garda Civil interceptaron a tres cazadores furtivos nas inmediacións do cemiterio de Santa Cristina de Cobres. Os individuos portaban unha carabina equipada cun silenciador, un dispositivo prohibido na caza pola lexislación vixente.

Outro fenómeno preocupante e que vai en aumento é a falsificación de trofeos de caza. "Hai quen obtén un exemplar ilegalmente, pero logo intenta legalizado falsificando documentación para expoñelo na súa parede coma se fose legal", explicou. A falsidade documental é un delito asociado habitual nestes casos:

Trofeo de lobo obtido ilegalmente nunha cazaría na Gudiña
Trofeo de lobo obtido ilegalmente nunha cazaría na Gudiña | Fonte: Garda Civil
  • Ourense, 2020: o Seprona descubriu un trofeo de lobo que se intentou homologar falsificando a documentación sobre a cazaría. O exemplar fora abatido ilegalmente na Gudiña, e tentouse presentar coma unha caza legal mediante documentación falsificada.
  • O Porriño, 2014: axentes do Seprona incautáronse de varios trofeos de caza e carne conxelada nunha nave da vila. O individuo investigado non puido acreditar a súa procedencia legal, o que levou ao seu decomiso.

Ata 15 lazos incautados a un veciño das Nogais
Ata 15 lazos incautados a un veciño das Nogais | Fonte: Garda Civil
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta