Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/06/2025 | Actualizada ás 20:30
Numerosas organizacións pertencentes ao sector asociativo e cultural de Galicia están chamadas a asinar o manifesto elaborado pola asociación "Pallasos en rebeldía", en colaboración con "Galiza por Palestina", na que instan ao tecido cultural galego a denunciar "que utilicen os festivais e os eventos culturais para lavar a imaxe dunha entidade xenocida".
Nesta reivindicación, resaltan que a política cultural da Xunta de Galicia está ao servizo do capital e das grandes produtoras, polo que demandan, entre outras resolucións, "a revisión inmediata dos contratos e das condicións que rexen os festivais en Galiza", así como "a desvinculación total dos eventos culturais galegos de fondos como KKR".
"Non podemos permitir que se celebre a cultura dentro dunha macroestrutura financiada por un fondo vinculado ao xenocidio na Palestina. Non podemos consentir esta complicidade entre as grandes empresas e o goberno da Xunta de Galicia". Esta e outras apelacións foron destacadas no manifesto, no que as organizacións participantes afirman así mesmo que non se pode permitir que os grandes festivais galegos como O Son do Camiño, o Resurrection Fest, o Morriña Fest, ou o Caudal Fest, entre outros, sexan propiedade de "fondos de investimento sionistas".
Como alternativa a este tipo de eventos culturais financiados por KKR, propoñen o fomento doutros festivais sustentados con moitos menos fondos públicos que "están a loitar duramente por manterse na axenda cultural galega". Tamén fan un chamamento á regulación pública e á responsabilidade política, elementos esenciais á hora de promover a cultura.
Rematan esta apelación convidando a toda persoa ou colectivo a asinar e difundir o manifesto, declarando alto e claro: "para que a nosa voz se una á onda global que defende a liberdade de Palestina e exixe a fin do xenocidio".
O manifesto completo pode lerse e asinarse na seguinte ligazón.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.