Reaccións dimisión Villares: BNG e PSdeG esixen "responsabilidades" a Rueda por "ocultar" a denuncia

O Goberno tamén pide explicacións.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/06/2025 | Actualizada ás 12:48

Comparte esta noticia

A portavoz de Igualdade do PSdeG, Paloma Castro, esixiu "explicacións e responsabilidades" ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, por "ocultar" durante "meses" un "feito tan grave" como a denuncia por agresión sexual contra o exconselleiro do Mar, Alfonso Villares. "O presidente Rueda sabía desde hai meses que o conselleiro do Mar estaba a ser investigado por unha presunta agresión sexual. Sabíao e decidiu non facer nada", denunciou nunha rolda de prensa ofrecida este xoves na Cámara galega.

A parlamentaria do PSdeG censurou que Villares seguise no cargo, representando á Xunta e tomando decisións. "Non só é unha irresponsabilidade, senón que é un gran cinismo", dixo. "Se é capaz de ocultar un feito desta dimensión, sabendo ademais que antes ou despois sería público e transcendería, que nos estará ocultando Rueda?, preguntouse.

Todo iso despois de que na xornada do mércores o conselleiro do Mar comparecese en rolda de prensa para informar de que presentara a súa dimisión despois de que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) estaba a serlle investigado por un delito de agresión sexual. A deputada do PSdeG trasladou todo o seu "respecto e solidariedade" coa vítima e rexeitou a súa "exposición e señalamento público". "É importante pór o foco onde corresponde, que non é a vítima, senón a súa protección e o seu dereito á intimidade".

CENSURA A REACCIÓN DOS CARGOS DO PPDEG

Ademais, a dirixente socialista censurou a postura que están a adoptar os responsables do Partido Popular de Galicia, ao trasladar o apoio ao conselleiro denunciado. "As declaracións destes días van pasar aos anais da historia como exemplo do que nunca se debe de facer nun caso así", sostivo. Paloma Castro subliñou que é "intolerable" que se trate de enxalzar a figura do consellerio e cualificar como "un acto de heroísmo" a súa dimisión cando estaba "atrapado" nunha causa que ía explotar.

A portavoz de Igualdade do PSdeG, Paloma Castro, en rolda de prensa
A portavoz de Igualdade do PSdeG, Paloma Castro, en rolda de prensa | Fonte: PSDEG

O tamén socialista e presidente da Deputación Provincial de Lugo, José Tomé, foi duro este xoves na súa valoración sobre a renuncia de Alfonso Villares como conselleiro de Mar. O mandatario provincial socialista sinalou, en primeiro lugar, a necesidade de defender a "presunción de inocencia de todos os cidadáns" e manifestou a súa solidariedade coa persoa afectada "se eses feitos son verdade". Así mesmo, incidiu en que hai que "rexeitar e repudiar calquera abuso, e especialmente se é de tipo sexual, como parece que ocorre neste caso".

BNG: RUEDA "ENCUBRIU" A VILLARES

O BNG esixiu ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, explicacións por "encubrir" durante meses ao conselleiro do Mar, Alfonso Villares, quen dimitiu o mércores tras coñecer que se lle investiga por un delito de agresión sexual, e acusouno de tratar de "rebaixar" a gravidade do caso. 

"Como pode o titular da Xunta saber isto e non actuar con anticipación?", preguntouse a parlamentaria nacionalsita nunha rolda de prensa na que trasladou a "enérxica condena" da súa formación a "calquera acto de violencia machista, a calquera agresión de violencia machista". "A violencia sexual é violencia de xénero e así se recolle no noso marco legisaltivo", subliñou.

A dirixente nacionalista censurou que os representantes do PPdeG falen da investigación por agresión sexual dun membro o Goberno galego "coma se fose algo menor" nun país que "acaba de vivir o seu segundo feminicidio" e no que "nos últimos 10 días" víronse "tres intentos de asasinato machista".

Pola súa banda, a alcaldesa de Santiago, a nacionalista Goretti Sanmartín, considerou necesario "respectar" ás mulleres que deciden dar o "difícil" paso de denunciar. Deixou claro que "se debe de facer xustiza", pero "sempre acreditando á vítima". "É difícil dar o paso de denunciar, de facer calquera tipo de denuncia e hai que respectar, neste caso, esa intención que creo que é moi valente de dar o paso", sostivo. "Que fale a xustiza, esperaremos", resolveu.

CRÍTICAS DO GOBERNO

Tamén o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, pediu este xoves explicacións ao xa exconselleiro do Mar, Alfonso Villares.  En declaracións aos medios de comunicación, Blanco mostrouse "prudente", pero remarcou que "dada a gravidade dos feitos", é necesario, ao seu xuízo, que Villares dea explicacións, subliñando que os feitos ocorreron xa hai meses.

COMPORTAMENTO "INTACHABLE"

O director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, Roberto Barba, considera "intachable" o "comportamento" do exconselleiro do Mar, Alfonso Villares, ao presentar a súa dimisión "para defenderse no procedemento xudicial, que é onde ten que facelo". Para o responsable de loita contra a violencia de xénero da Xunta, o ata agora titular de Mar presentou a súa dimisión "no momento exacto", cando "tivo un coñecemento fidedigno de que o procedemento xudicial dirixíase cara a el, non a denuncia ou non a fase policial".

IRENE MONTERO

Pola súa banda, a exministra de Igualdade e dirixente de Podemos, Irene Montero, criticou este xoves que o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, trasladase a súa intención de que se faga "xustiza rápida" co que era conselleiro do Mar, Alfonso Villares, para poder "recuperarlle" para a vida pública. "O pacto entre cabaleiros para protexerse é cultura da violación", subliñou Irene Montero nas súas redes sociais. "Dimite por unha denuncia de agresión sexual e Rueda di que espera recuperarlle. Como Feijóo co 'divorcio duro', faltoulle dicir que 'foi unha mala noite'", sinala a dirixente de Podemos, que asegura que "o pacto entre cabaleiros para protexerse é cultura da violación". "Logo dirán que as feministas imos demasiado lonxe", finaliza a que fose ministra de Igualdade.

O PP CONSIDERA "MOI ACERTADA" A DECISIÓN

Mentres, o portavoz e vicesecretario de Cultura do PP, Borja Sémper, considerou como "moi acertada" a dimisión de Villares, permitindo "ser xulgado" ao renunciar ao seu aforamento. "Cando tivemos oportunidade de coñecer que presentaba a dimisión pareceunos unha decisión moi acertada. Hai unha denuncia e un político decide dimitir para perder o seu aforamento e por tanto poder ser xulgado como calquera cidadán máis, ademais por un feito que non ten nada que ver coa súa actividade política, senón co seu ámbito persoal. Por tanto parécenos razoable", sostivo.

Pola súa banda, a presidenta do Partido Popular de Lugo, Elena Candia, confiou en que o que era conselleiro do Mar poida demostrar canto antes "a súa inocencia" e tamén expresou o seu "respecto" pola decisión de dimitir do cargo e renunciar ao aforamento. Candia, que compartiu a súa opinión nas redes sociais pouco despois de coñecerse os feitos, asegurou que o obxectivo desta decisión é "poder defenderse como calquera outro cidadán. "É un xesto que lle honra e que demostra a súa confianza na xustiza", sinalou Candia na súa publicación en redes sociais. Ademais, engadiu: "Espero que poida demostrar a súa inocencia canto antes".

O XULGADO DE FERROL RETOMA A DENUNCIA CONTRA VILLARES

O Xulgado de Instrución número dous de Ferrol retomará a denuncia contra o exconselleiro do Mar Alfonso Villares por un suposto delito de agresión sexual despois de que dimitise na xornada deste mércores. Dada a súa condición de aforado como membro do Goberno (á que el renunciou de forma expresa --tanto el como o resto dos seus compañeiros fóra de Diego Calvo e Román Rodríguez xa non tiñan actas de deputado no Parlamento de Galicia--) o xulgado remitiuno á Sala do Civil e Penal do TSXG. Agora, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) terá que devolver ao xulgado de instrución a denuncia presentada pola vítima, por un suposto delito contra a liberdade sexual.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta