A escura historia do Encoro das Conchas: a Xunta recoñece agora que o baño é un risco para a saúde

O encoro das Conchas no Concello de Muíños tinguiuse outra vez de verde mais agora adiantándose un mes. O habitual é ver este fenómeno durante os meses de máis calor, cando baixan os niveis de auga. Veciñanza, movementos ambientalistas e outras asociacións levan anos alertando das consecuencias que poida ter esta proliferación bacteriana nas augas do encoro e nas augas de toda a comarca da Limia

Por Moncho Mariño | OURENSE | 05/06/2025 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A situación é recorrente desde hai máis dunha década, bacterias verdes no encoro das Conchas. Diversos colectivos tanto veciñais como ambientalistas ven detrás deste fenómeno a falta de tratamento de residuos procedentes da actividade gandeira intensiva na comarca da Limia. Si houbo unha solución para os excrementos das granxas avícolas coa creación dun depósito para os mesmos mentres que os residuos das granxas porcinas non teñen tratamento ningún. Pola contra, a saída “normal” e máis rendible para moitas empresas de produción cárnica é facer verteduras directas en terreos e lugares afastados mediante transporte en cisternas dos residuos. Os xurros acumulados durante inverno esvaecen lentamente cara as masas de auga en época de choiva. As precipitacións deste 2025 aceleraron o fenómeno nas Conchas (desestacionalizárono) e agora desde o mes de maio até comezos de xuño a densidade de bacterias é moi elevada con respecto a outros anos durante a mesma época.

Medicións cianobacterias 1 de xuño en 2025
Medicións cianobacterias 1 de xuño en 2025 | Fonte: sergas

QUEIXAS SOBRE A SEGURIDADE DA AUGA

“Son bacterias, elementos orgánicos e os estudos apuntan que a orixe está na presión gandeira e de poboación humana na comarca da Limia” di Serafín González, investigador e membro da Sociedade de Historial Natural de Galicia (SHNG). A orixe destas bacterias está na acumulación de residuos biolóxicos (excrementos e xurros) procedentes das explotacións gandeiras intensivas (sobre todo porcino, bovino e avícola). Un dos resultados é a eutrofización do río Limia, é dicir, o aumento de nutrientes na masa de auga que lle dá a cor verde característica deste fenómeno.

Manuel González, do Movemento Ecoloxista da Limia (MEL), as intensas choivas “limparon” a chaira da Limia e isto arrastrou as bacterias e outros compoñentes químicos aos cursos de auga que desembocan no río Limia e que finalmente acaba enchendo o encoro das Conchas. Esta situación acaba transformando o encoro nun “funil” onde paran todas as bacterias aportadas polas correntes de auga. Anxo Dorrío, de Amigas da Terra, apunta ademais que coa calor dos primeiros días de xuño deste 2025 aumentou a densidade de cianobacterias.

A situación nestes momentos é de alarma entre a maioría das persoas que viven na comarca. Asociacións de veciños e movementos pola defensa do medioambiente denuncian que mesmo os acuíferos que alimentan pozos de auga e fontes están afectados polas actividades das granxas intensivas segundo o MEL e outras asociacións. A situación para a veciñanza das Conchas é insoportable e de aí que presentaran unha demanda “contra violación de dereitos humanos contra a Xunta de Galicia, a Confederación Hidrográfica Miño-Sil e os municipios de Bande, Muiños, Lobeira, Trasmiras e Os Blancos por "permitir durante décadas" a contaminación do encoro das Cunchas”.

Medicións cianobacterias 4 de xuño de 2025
Medicións cianobacterias 4 de xuño de 2025 | Fonte: sergas

Desde a Consellería de Medio Ambiente lembran que o encoro depende da Confederación Hidrográfica Miño-Sil. Isto significa que Augas de Galicia "non ten competencias na xestión da auga nese ámbito". Remarca que as súas competencias exclusivas están na demarcación hidrográfica Galicia-Costa e fóra desta demarcación Augas de Galicia dedícase á planificación en materia de saneamento e abastecemento así como á colaboración con concellos neste eido da súa competencia-, "polo que o Goberno central non pode fuxir nin ignorar a súa responsabilidade".

Desta maneira, a área da Limia é un dos territorios que se pode declarar como posible zona vulnerable a nitratos, imposto pola normativa europea e polo MITECO, sinala o departamento de Medio Ambiente da Xunta, "que se encargou de realizar e interpretar esas analíticas publicadas en estudos de carácter provisional". Malia contar con estes datos iniciais, a Xunta sinala que actualmente "se están a levar a cabo estudos para analizar as tipoloxías de presións (agrarias ou doutro tipo) que poden ocasionar esa problemática de contaminación e outros estudos con isótopos de última xeración, para determinar a orixe da contaminación ou cales son as máis determinantes. Tamén se terá en conta a estacionalidade á hora da toma de mostras".

A XUNTA PIDE ESTUDOS AO GOBERNO CENTRAL

Medio Ambiente da Xunta reclamou ao Goberno Central que realice estudos complementarios e correccións nos que xa están en marcha antes de declarar zonas vulnerables á contaminación por nitratos. Engaden ademais que Augas de Galicia remitiu ao Goberno Central un escrito no que lembra que o estudo presentado para caracterizar a contaminación por nitratos "non conclúe con claridade se esa situación está provocada polas actividades agrogandeiras".

PRIMEIROS FROITOS?

Aínda que a demanda está aínda no TSXG, as queixas insistentes tanto de veciños e veciñas así como diferentes asociacións e movementos parecen estar dando os seus froitos.  Desta maneira, a UE daba o aviso a España sobre o mal estado dalgunhas área por presenza de nitratos e outros elementos. Isto ocorría en 2020, e o Ministerio de Transición Ecolóxica (MITECO), seguindo pautas das autoridades europeas buscaba a designación de “zona vulnerable” por contaminación que marcaba Bruxelas. No informe sobre o cuatrienio 2020-2023, no apartado referente a Galicia o MITECO sinalaba que: “Mediante resolución del 12 de abril de 2000 la Comunidad Autónoma de Galicia declaró formalmente la no designación de zonas vulnerables en su territorio”. Nese mesmo documento, o encoro das Conchas aparecía como afectado por eutrofización xunto con varias bacias internas galegas. Daquela, segundo Amigas da Terra, cando se lle pedira á Xunta a actuación sobre este extremo a Xunta pedira catro anos de prórroga “sen resultados” aparentes.

Pola súa parte, a Confederación Hidrográfica Miño-Sil sinala nunha nota de prensa enviada aos medios que: “Como resultado de los intensos controles efectuados por la CHMS, el MITECO declaró la zona de las Conchas como Aguas Afectadas en mayo de 2022, en aplicación del Real Decreto 47/2022, de 18 de enero, sobre protección de las aguas contra la contaminación difusa producida por los nitratos procedentes de fuentes agrarias, publicando los mapas de aguas afectadas, entre las que están incluidas el río Limia en el embalse de As Conchas y la masa de agua subterránea de A Limia. En este mismo sentido y por Resolución de la Dirección del Agua, de 9 de mayo de 2022, se hace público el mapa de aguas afectadas por la contaminación difusa”.

Porén, o día 2 de xuño de 2025 Amigas da Terra lanzaba imaxes que deixaban ver a intensa concentración de cianobacterias no encoro. O día anterior, 1 de xuño, e segundo os datos do SERGAS en canto a “Niveis de risco nas augas de baño con tendencia á proliferación de cianobacterias”, o organismo sanitario colocaba As Conchas en nivel 1, é dicir, apto para o baño. Vinte e catro horas despois o nivel que daba o SERGAS era o 3, a recomendación era non bañarse nese encoro en concreto en toda a provincia de Ourense. A data de recollida de mostras para esta decisión foi o 21 de maio. A consecuencia inmediata foi a colocación do cartel avisando do “nivel 3” de risco aínda que pouco visible.

O recoñecemento desde a Xunta (SERGAS neste caso) da afectación por cianobacterias nas Conchas cun nivel 3 é un primeiro paso logo de décadas sen actuacións. Por outra parte, a demanda presentada diante do TSXG é outro paso que aínda está por dar froitos. Aínda así, para a maioría das persoas involucradas na loita pola defensa dos acuíferos e augas superficiais na comarca da Limia, reclaman unha solución á alta densidade de cabezas de gando neste espazo. Segundo datos da SGHN difundidos por ADEGA, a carga gandeira na comarca é de máis de 75.000 unidades de gando maior (UGM). Esta concentración produce un volume de residuos equivalente a 1.600.000 persoas.

De todas maneiras, tanto a demanda presentada no TSXG como o recoñecemento de augas non aptas para o baño nin para consumo de animai son pasos importantes. Aínda máis se pensamos en que até o de agora as protestas, denuncias, queixs e noticias en prensa apenas fixeron moverse ás autoridades competentes.

Aviso nivel tres, ángulo superior esquerdo do taboleiro
Aviso nivel tres, ángulo superior esquerdo do taboleiro | Fonte: Amigos da Terra
Encoros As Conchas
Encoros As Conchas | Fonte: Amigos da Terra
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta