Por Europa Press / Redacción | LUGO | 09/06/2025 | Actualizada ás 19:03
O Concello de Viveiro recupera aos poucos a normalidade tras a vertedura dun millón de litros de xurro que se orixinou en Muras e contaminou uns 30 quilómetros do río Landro ata a súa desembocadura, na ría de Viveiro.
Tras dous días nos que un operativo especial ocupouse de levar auga á localidade, Viveiro volveu captar auga directamente do río desde a tarde do domingo e continuaba esta mañá de luns "nos seus estándares normais", explicou a alcaldesa, a popular Mariña Gueimunde.
O venres pola tarde a rotura dunha balsa de xurro, preto dunha explotación agrogandeira de Muras, foi a causante desta vertedura incontrolada, que rapidamente se estendeu ata a súa desembocadura, afectando tamén as praias da localidade. Unha vez detectado a vertedura, Viveiro parou a súa captación de auga e durante o fin de semana tomáronse distintas vías para manter o abastecemento, "que sempre estivo garantido", recalca a alcaldesa.
Aínda que a zona do río está xa practicamente limpa, como explicou Gueimunde, na ría quedan pequenos depósitos de xurro aínda, do mesmo xeito que nas praias, polo que a prohibición de bañarse mantense.
Tamén segue a activa a restrición do uso da auga para o consumo humano "por precaución" durante a xornada de hoxe e previsiblemente tamén a de mañá. "Aínda que as analíticas está a saír ben, hai que esperar a confirmación oficial das análises máis profundas, cuxos resultados debemos esperar ata 48 horas", explicou Gueimonde, que avanzou como data para recuperar a normalidade total a tarde do martes, "segundo avánzannos os expertos".
Pola súa banda, a Consellería de Medio Ambiente anunciou que as analíticas realizadas hoxe ofrecen xa un importante descenso das concentracións de amonio causadas polo xurro. Pero faltan as análises de microbiología para confirmar o fin das restricións.
A Xunta confirmou tamén que os tanques da estación de tratamento de auga potable (ETAP) de Viveiro acumulan xa un 90% de auga despois de que se volvese a pór en servizo durante a noite.
"No entanto, e como medida de seguridade e prevención, mantéñense instaladas as dúas captacións de auga auxiliares executadas durante o fin de semana a pesar de que xa se está traballando coa captación principal", indican por parte do Goberno galego.
A alcaldesa tivo palabras de agradecemento aos servizos de emerxencias que estiveron a traballar continuamente estes días e que, durante a noite do domingo ao luns, "vixiaron que todo funcionase correctamente", engadiu.
VALORACIÓN DO PSOE
O PSdeG-PSOE de Viveiro tamén se sumou ao agradecemento da alcaldesa a todos os equipos e persoas que traballaron "incansablemente" durante o fin de semana para facer fronte á situación xerada pola vertedura de xurro no río Landro.
A portavoz socialista e exalcaldesa, María Loureiro, quixo recoñecer "o despregamento e o esforzo incansable do persoal de Medio Ambiente, Bombeiros, Policía Local, Protección Civil e dos técnicos do Concello". Tamén quixo destacar "a colaboración do Concello de Cervo e da empresa subministradora Viaqua. Traballaron sen descanso para garantir a seguridade da veciñanza e a continuidade do servizo", apuntou.
Tamén puxeron en valor o comportamento exemplar da cidadanía., "que unha vez máis entenderon a situación extraordinaria e colaboraron en todo, con responsabilidade e calma", expresou Loureiro.
CRÍTICAS DE ADEGA Á Xunta
Pola súa banda, a agrupación ecoloxista Adega sinala as responsabilidades da Consellería de Medio Ambiente nestes feitos, "máis aló das individuais que caiba atribuírlle ao propietario da granxa, e que deberán depurarse mediante o correspondente procedemento de investigación".
Acusan o Goberno autonómico de permitir que estas explotacións porcinas poidan tramitarse cunha simple declaración de incidencia ambiental; e de resolver favorablemente estes procedementos de avaliación ambiental "sen esixir que se estude e avalíe o risco destes accidentes".
Adega esixe "a investigación rigorosa das causas da vertedura e a aplicación de sancións con deber de reparar os danos ambientais producidos". Ao mesmo tempo demandan "unha maior rigorosidade na avaliación ambiental e na autorización destas explotacións porcinas, de maneira que se eviten este tipo de riscos para o medio natural ou para a saúde das persoas".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.