Por Galicia Confidencial | | 13/06/2025 | Actualizada ás 15:00
A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), resalta nun comunicado que a "Xunta vén de conceder unha DIA favorábel a unha fábrica de fibras de ENCE na balsa das Pontes, que de circular ten ben pouco". Os ecoloxistas afirman que o obxectivo da fábrica é "a obtención de fibras de celulosa branqueadas (unhas 100.000 t/ano) a partir de cartón reciclado, con destino á fabricación de papel tisú".
Desde ADEGA reclámanlle á Xunta que asuma o postulado da empresa, recollendo na súa dia que "este proceso de fabricación de pasta de papel non require o consumo de biomasa arbórea, polo que se enmarca dentro dos principios de economía circular". Porén, afirman desde ADEGA que, para a fabricación do papel tisú, só unha parte da produción da futura fábrica das Pontes sería fibra reciclada, xa que para fabricar papel tisú se engadirá fibra virxe (entre un 93% e un 71% de FV) de eucalipto dos montes galegos elaborada por ENCE en Lourizán ou Navia.
O consumo de auga sempre é importante no caso das fábricas de pulpa de celulosa, mesmo que sexa reciclada. Neste caso, destaca o colectivo ecoloxista, "son 4.920 m3/día que a empresa prevé captar da balsa mineira que ocupa o antigo oco da mina de lignito, o mal chamado "lago" das Pontes". Con todo, resaltan desde ADEGA, o principal problema desta instalación é a xestión das verteduras: "malia que no proceso de branquexo da fibra non se fai uso de compostos clorados, o proceso industrial produce 1,55 millóns de m3/ano de augas cunha alta carga orgánica (para 100.000 t de fibra). Estes efluentes serán deitados ao río Eume mediante un emisario duns 3 km, logo do seu procesado nunha planta de tratamento."
ADEGA continúa incidindo no comunien que "ENCE pretende acadar os valores sinalados como obxectivos ambientais para a antedita masa de auga mediante a dilución dos seus efluentes no río". Fan alusión a que se pretende que sexa o Eume, un "ben público", o que axude a acadar os "limiares admisíbeis de contaminantes e non o tratamento ao que está obrigada a empresa". Resaltan así mesmo que ENCE se gaba de que "o consumo de auga da súa factoría non repercutirá no 'lago', polo enorme volume deste". Conclúen o comunicado cunha pregunta que incita á reflexión: "tendo en conta que a auga captada para o proceso debe ser previamente purificada, por que [Ence] non verte os seus efluentes supostamente depurados na mesma balsa mineira, en troques de guindalos ao Eume? Para obter máis información, adxuntan o contacto do secretario técnico de ADEGA, Fins Eirexas: 981570099.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.