Abel Losada descúlpase polas súas palabras sobre a falecida en Campo Lameiro: "Elixin mal as palabras. Non as conviccións"

Asegura que os axentes realizaron unhas 150 intervencións coa vítima tras entrar no sistema VioGén en 2021.

Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 17/06/2025 | Actualizada ás 14:09

Comparte esta noticia

O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, pediu este martes desculpas por elixir "mal" as súas palabras en relación á muller falecida en Campo Lameiro, retirando a expresión "non se pode protexer a quen non quere que se lle protexa". Así o sinalou ante os medios de comunicación esta mañá en Pontevedra despois do balbordo creado por mor desas declaracións do subdelegado en relación á muller que foi achada morta xunto á súa parella calcinados nun coche, que se investiga como presunto crime machista.

"Elixín mal as palabras. Non as conviccións", reivindicou Losada, indicando que ás veces a vítima "non está en condicións emocionais de decidir o que lle convén". "Quixen dicir que a Garda Civil non deixou nada sen facer. E que, de feito, fixo todo o posible, e máis, por protexer a Marisol", engadiu, lamentando que haxa persoas que digan que a muller morreu porque "non a protexeron". A partir de aí, comezou a relatar os acontecementos que finalizaron na tráxica morte da muller a principios deste mes. Así, Abel Losada explicou que a vítima entrou no sistema VioGén en outubro de 2021 a iniciativa dunha axente da Garda Civil que foi visitala ao hospital tras a primeira malleira que lle deu o home.

"Non se creu as explicacións e non só a incluíu en VioGén, senón que lle pediu que deixase ao seu maltratador, que xa tiña unha condena anterior", reivindicou Losada, pondo en valor o traballo da Garda Civil, que fixo unhas 150 intervencións con ela, incluíndo contravixilancias, chamadas e entrevistas persoais. "Repito, 150. Pódese dicir que non se fixo nada por protexela?", apuntou. Ademais, apostilou que o home foi detido "reiteradamente" pola Garda Civil, acumulando dúas condenas por maltratar á súa anterior parella e por maltratala a ela anteriormente. Así mesmo, dixo que en "varias" ocasións foi detido por saltarse a orde de afastamento que tiña sobre ela.

"Non me corresponde a min xulgar se o home debería ingresar antes en prisión. Non vou opinar sobre resolucións xudiciais. A iso referíame cando dicía 'estamos nun Estado garantista'. Este subdelegado non envía a ninguén a prisión. E a Garda Civil tampouco", lembrou. Despois de volver enxalzar o traballo dos axentes, falou da "fortísima dependencia emocional" da vítima sobre o seu maltratador. "A ninguén nos corresponde axuizala nin opinar sobre as decisións que tomou na súa vida. Os malos tratos empezan polo control emocional, que non se nos esqueza. Toca compadecernos do seu sufrimento, comprendela e acompañar á súa familia na dor", continuou Losada, pedindo respecto para a Policía Nacional e a Garda Civil e para o sistema VioGén, que permitiu que "moitas" mulleres leven unha vida "completamente normal". "Conclúo volvendo pedir perdón coa esperanza de que se entenda o que quixen dicir e non acertei a dicir. Sempre coas vítimas. Sempre coas mulleres. Nin unha máis", sentenciou.

MINUTO DE SILENCIO

Estas declaracións de Losada leváronse a cabo tras realizarse un minuto de silencio ante a sede da Subdelegación do Goberno de Pontevedra pola última vítima de violencia machista na Coruña, confirmándose así o segundo caso en Galicia este ano. Sobre o tema, lamentou que se trate dun caso "especialmente violento" debido a que a muller sufriu un "número elevadísimo" de coiteladas. "As palabras non parecen suficientes", apostilou, pedindo novamente confianza no sistema e no traballo dos corpos e forzas de seguridade do Estado. "Trátase de continuar avanzando, reforzar as medidas de prevención desde canto antes porque hai unha dimensión cultural e educativa que é indubidable", dixo, insistindo en concienciar aos mozos para combater a violencia machista e na asistencia social e psicosocial, que son "elementos que forman parte da armazón".

Imaxe do minuto de silencio na Subdelegación do Goberno de Pontevedra
Imaxe do minuto de silencio na Subdelegación do Goberno de Pontevedra | Fonte: PEDRO DAVILA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta