Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/06/2025 | Actualizada ás 12:56
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, pediu a saída de España da OTAN ao entender que continuar significa "financiar as guerras de Trump e de Estados Unidos". "O sensato neste momento é saír da OTAN, un aparello de propaganda de guerra ao servizo de Trump e dos seus delirios belicistas", destacou Pontón en rolda de prensa este luns. Nesta liña, mostrou o rexeitamento do Bloque a "os bombardeos de Israel e Estados Unidos sobre Irán" porque, engadiu, "están a pisar o acelerador dun conflito que pode ter escala mundial". Para a líder nacionalista, isto supón "unha escalada belicista" que podería ter consecuencias "gravísimas non só para a zona, senón para o conxunto do planeta".
"Parécenos que é necesario reclamar que cesen os bombardeos porque o único que fan é incendiar a zona e poñernos en perigo a todos polos intereses xeopolíticos de Estados Unidos, que quere manter a súa hexemonía sen importarlle as consecuencias", insistiu antes de sinalar que EEUU é "un perigo para a paz, os dereitos humanos e o dereito internacional". Por todo iso, Ana Pontón reiterou que continuar na OTAN "é financiar as guerras de Estados Unidos e de Trump", polo que afirmou que "non chega con negarse a incrementar o financiamento do Estado español á OTAN, senón que o sensato, o razoable e o que di o sentido común é que este momento hai que saír da OTAN".
ANA MIRANDA PIDE SUSPENDER O ACORDO DE ASOCIACIÓN CON ISRAEL
Pola súa banda, a eurodeputada do BNG, Ana Miranda, criticou que, "ante o xenocidio en Gaza", a posición da Unión Europea é "totalmente insuficiente e continúa a ser hipócrita", ao non suspender o acordo de asociación con Israel. Así o denunciou este luns tras a reunión celebrada entre os ministros de Exteriores da Unión Europea e as declaracións da alta Representante de Política Exterior da UE, Kaja Kalla.
Neste contexto, a nacionalista participou nas diferentes mobilizacións que se celebraron este luns en Bruxelas "contra o xenocidio en Gaza" e criticou que "se siga amparando a un estado xenocida que vulnera o dereito internacional". "Desde o BNG queremos condenar esta posición da Unión Europea e instar a que se produzan sancións contra Israel que inclúan a suspensión do acordo, porque senón seguirán sendo cómplices de xenocidio", solicitou a eurodeputada do BNG, quen tamén esixiu o embargo de armas "pola violación dos dereitos humanos da poboación palestina na Franxa de Gaza e en Cisxordania".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.