Un estudo pioneiro en Galicia para detectar a transferencia de contaminantes de nais a fillos

Científicos do Centro de Investigacións Agro-Ambientais e Alimentarias da Universidade de Vigo desenvolven unha investigación cun cento de mulleres e os seus fillos, para rastrexar a posible transferencia de contaminantes químicos orgánicos a través da placenta e do leite materno.

Por Galicia Confidencial | Ourense | 07/06/2016 | Actualizada ás 16:55

Comparte esta noticia

Investigadores do Centro de Investigacións Agro-Ambientais e Alimentarias da Universidade de Vigo están a desenvolver un estudo no que fan un seguimento no embarazo e nos dous primeiros anos de vida do bebé para detectar a presenza de contaminantes en nasi e fillos e a posible transferencia dun a outro a través da placenta e do leite materno. Os niveis detectados relacionaranse coa incidencia do Trastorno de Espectro Autista. Os resultados previos da análise das placentas reflicten a presenza de contaminantes estudados, como retardantes de chama, presentes nas tapicerías e cortinas, e de insecticidas de uso doméstico e de mascotas.

Mostras do estudo que rastrexa a presenza de contaminantes en placenta e leite materno e a súa transferencia nai-fillo
Mostras do estudo que rastrexa a presenza de contaminantes en placenta e leite materno e a súa transferencia nai-fillo | Fonte: DUVI.

 “Debido á inexistencia destes estudos en Galicia, o obxectivo xeral é coñecer o estado de saúde da poboación galega materno-infantil".

O estudo parte da preocupación crecente, en base a datos epidemiolóxicos e clínicos, de que a exposición temperá a compostos coñecidos como contaminantes orgánicos persistentes (COP) e pseudopersistentes afecta ao sistema neurolóxico humano e pode conducir a deficiencias no seu desenvolvemento e problemas de aprendizaxe. Con esta premisa, 

O equipo, formado polo catedrático Jesús Simal, a profesora titular Elena Martínez Carballo e a investigadora predoutoral Tania Fernández, iniciou a súa investigación na Facultade de Ciencias do campus de Ourense no ano 2014. “Debido aos escasos estudos que se teñen realizado a nivel estatal e á inexistencia destes en Galicia, o noso obxectivo xeral é coñecer o estado de saúde da poboación galega materno-infantil en base á presenza no organismo de contaminantes químicos orgánicos mediante un estudo observacional prospectivo a tres anos”, comentan os investigadores en declaracións recollidas por Rosa Tedín no DUVI.

No caso embarazadas-fetos este estudo faise por medio da análise da placenta e do cabelo; no caso dos lactantes coa análise do leite materno e do meconio e no caso dos nenos por medio dunha análise de cabelo. Actualmente a investigación, na que participan arredor dun cento de mulleres e os seus fillos das catro provincias galegas, está na fase de seguimento tralo parto, analizando placenta, meconio e leite materno. Os resultados, sinalan os investigadores, poderían estimular a que gobernos e institucións asuman medidas de control da contaminación ambiental e alimentaria co fin de diminuír os riscos para a saúde da poboación xeral.

HÁBITOS ALIMENTARIOS E EXPOSICIÓN AMBIENTAL

A exposición a distintos contaminantes químicos orgánicos froito dos hábitos alimentarios ou por exposición ambiental, xa sexa laboral ou doméstica, é un tema de crecente interese en materia de saúde ambiental, tal e como explican os investigadores ourensáns. Unha vez que estes son absorbidos polo organismo, poden distribuírse a través do torrente sanguíneo alcanzando outros órganos como a placenta ou incluso acumularse no tecido adiposo. Segundo sinalan os científicos, dúas das etapas fisiolóxicas de especial interese na transferencia destes contaminantes son o embarazo e a lactancia, pola súa repercusión na saúde do feto e do futuro bebé. 

Os investigadores Tania Fernández, Jesús Simal e Elena Martínez
Os investigadores Tania Fernández, Jesús Simal e Elena Martínez | Fonte: DUVI.

Aínda que os investigadores realizan un estudo exploratorio para ver que tipo de contaminantes aparecen nas mostras, a investigación centrarase sobre todo nos contaminantes que recomenda estudar a Organización Mundial da Saúde, como son praguicidas organoclorados, policlorobifenilos (PCBs) e policloronaftaléns, retardantes de chama polibromados e perfluorados, marcadores de contaminación, e outros tipos de praguicidas (os máis usados como insecticidas e funxicidas), hidrocarburos aromáticos policíclicos (PAHs) e os seus metabolitos, contaminantes estudados previamente polo equipo de investigación da Facultade de Ciencias. 

Os científicos investigan a relación dos niveis destes contaminantes coa incidencia do Trastorno de Espectro Autista

EFECTOS NEUROLÓXICOS

Á hora de analizar a relación dos niveis destes contaminantes coa incidencia do Trastorno de Espectro Autista, os investigadores salientan que hai que ter en conta que se estima que a nivel mundial un de cada 150 nacidos sofre Trastorno do Espectro Autista e só 20 anos atrás a proporción era de un por cada 10.000 nacementos. Existen, comentan os promotores do proxecto, evidencias que suxiren que os factores medio ambientais teñen unha importante contribución ao retraso no desenvolvemento e ao autismo en nenos.

“Hai estudos que avalan a hipótese de que algúns contaminantes presentan efectos neurolóxicos sobre o sistema nervioso central afectando ao desenvolvemento e ás capacidades cognitivas e de aprendizaxe dos nenos, especialmente durante os dous/tres primeiros anos de vida. De igual forma tamén se relacionan co Trastorno de Espectro Autista”, sinalan.

Os cativos, debido ao seu menor tamaño, á súa avidez de exploración e ao seu típico comportamento de man á boca, teñen máis probabilidades de entrar en contacto directo cos residuos de praguicidas presentes no medio ambiente. Ademais, fisioloxicamente falando, engaden os investigadores, acostuman ser máis susceptibles aos efectos tóxicos dos praguicidas debido á súa etapa inmadura no desenvolvemento neurolóxico.

ETAPAS DA INVESTIGACIÓN

Neste contexto, o obxectivo principal do estudo que se está a levar a cabo no Centro de Investigacións Agro-Ambientais e Alimentarias é cuantificar a presenza de contaminantes químicos orgánicos en poboación galega materno-infantil especialmente exposta a estes contaminantes froito dos seus hábitos alimentarios ou por exposición ambiental, xa sexa laboral ou doméstica, co fin de avaliar o seu impacto na saúde neurolóxica deste grupo de poboación.

Para facelo, o estudo parte da análise do nivel de contaminantes químicos orgánicos propios da nai e que poderían chegar ao feto a través do intercambio de substancias a través da placenta. Isto conséguese coa análise de mostras de cabelo da nai, para coñecer as súas taxas de contaminantes, e mostras de placenta o de meconio, para coñecer os niveis de contaminación que poderían chegar ao feto. 

O seguinte paso do estudo é coñecer os niveis de contaminantes químicos orgánicos que chegan aos lactantes a través do leite materno ou froito da súa exposición a contaminantes ambientais. Para elo, a investigación inclúe a análise do leite materno e mostras de cabelo do lactante aos seis meses de idade. Compararanse dous grupos de nenos, un alimentado con lactancia materna e outro alimentado con leite artificial exclusivamente. Feitos estes pasos, o seguinte será controlar como evolucionan o perfil e o grao de contaminación por contaminantes químicos orgánicos nos nenos durante os dous primeiros anos de vida froito da herdanza recibida da nai, dos seus hábitos alimentarios e da contorna na que se desenvolven. Avaliarase o impacto dos niveis de contaminantes encontrados no estado físico, cognitivo, psicomotor e neurolóxico do neno aos 6, 12, 18 e 24 meses, facéndoselle un seguimento tamén pediátrico.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta