Por Galicia Confidencial | Compostela | 23/06/2025 | Actualizada ás 14:54
"É curioso que os que se manifestan contra a neutralidade ideolóxica --que a Consellería de Educación quere instaurar nos centros educativos-- pidan agora o cese dunha persoa que manifesta a súa opinión". Deste xeito se expresou este luns o vicepresidente da Xunta, tras a rolda de prensa do Consello.
Diego Calvo, que exerceu de presidente interino tras acudir Alfonso Rueda a un acto institucional en Oporto, volveu defender a medida anunciada a pasada semana por Educación e, de feito, inscribiu nela as polémicas declaracións dun inspector educativo. A pasada semana, a CIG pedía o cesamento deste subdirector xeral de Inspección e Avaliación do Sistema Educativo, Enrique Prado Cueva, ao consideralo un "ultra" polas súas "firmes conviccións ideolóxicas puramente reaccionarias, ultraespañolistas, contrarias ao marco autonómico actual".
Nun comunicado, a organización sindical sacou á luz artigos publicados polo propio Prado Cueva nos que criticaba as ideas tanto do BNG como do PSdeG e chamaba "clase ociosa" ao profesorado. "O mostrario das posicións ideolóxicas deste cargo político continúa coa aposta pola ilegalización de partidos independentistas e nacionalistas, os encomios a VOX como único partido que defende con claridade a nación española e as críticas á propia Consellería na que o agora é alto cargo por ter unha proba de galego nas oposicións docentes para quen non teñan acreditado o seu coñecemento", lamentaba a CIG.
Pero para o Goberno galego este tipo de opinións dun cargo da súa administración son normais e, ademais, son libres de poder facelas. "Nós cremos que todos os funcionarios teñen dereito a opinar libremente", respondeu Calvo a este respecto. "Imexínese que teñamos que cesar a todas as persoas que pensan de xeito diferente... O que hai que facer é xulgalas polo seu traballo, indpendentemente se coincide ou non coa nosa opinión", concluíu.
CRÍTICAS DA CIG
Por outra banda, a CIG acusou ao conselleiro de Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, de "porse ao lado do dogmatismo reaccionario" polo seu "apoio" ao subdirector xeral de Inspección e Avaliación do Sistema Educativo, Enrique Prado Cova. Neste sentido, a central sindical asegurou que Rodríguez "prefire acusar á CIG por desvelar os textos ultras" de Prado Cuevava no canto de "cesalo ou pedir a súa dimisión".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.