Un defecto de forma no proceso apraza a citación como investigado de Baltar

As defensas impugnaron a forma en que se realizou a dilixencia de citación e sinalaron á xuíza nulidades da causa por unha posible "vulneración" dos dereitos de defensa de José Luis Baltar.

Por Galicia Confidencial | Ourense | 08/06/2016 | Actualizada ás 13:29

Comparte esta noticia

A declaración do expresidente da Deputación de Ourense José Luis Baltar como investigado na causa pola que tamén o está o seu fillo, Manuel Baltar, foi aprazada despois de que as defensas de ambos os dous pedisen a nulidade da citación para este mércores ante o Xulgado de Instrución número 3 de Ourense, alegando un defecto de forma.

José Luis Baltar á saída dos xulgados en Ourense
José Luis Baltar á saída dos xulgados en Ourense | Fonte: EP

A xuíza atendeu a petición formulada polas dúas defensas neste caso, no que o exbarón popular estaba citado por un suposto delito de suborno e tráfico de influencias en relación ao caso polo que se investiga o seu fillo, e que partiu da denuncia dunha muller, Teresa F.C., por supostamente ofrecerlle un posto de traballo a cambio de sexo.

Concretamente, José Luis Baltar tiña que comparecer ás 10,30 horas deste mércores, en calidade de investigado, media hora máis tarde que a de Francisco G. -citado en calidade de testemuña-, e que é representante do hotel no que supostamente terían lugar os encontros entre Manuel Baltar e a muller que o denunciou.

Finalmente, José Luis Baltar non declarou tras a resposta de Eva Armesto á petición das defensas de José Luis Baltar Pumar e Manuel Baltar Blanco, que foi a de atender a petición formulada.

Informado con máis tempo

As defensas impugnaron a forma en que se realizou a dilixencia de citación e sinalaron á xuíza nulidades da causa por unha posible "vulneración" dos dereitos de defensa de José Luis Baltar. Entre as causas esgrimidas para solicitar a nulidade da citación sinalan que o expresidente da Deputación de Ourense tería que ser informado con máis tempo.

Por parte da acusación particular exercida por Democracia Ourensana, mostráronse dispostos a que se atrase a declaración de José Luis Baltar, coa intención de que poida ter un maior coñecemento da causa.

Á súa saída do edificio, nin José Luis Baltar, nin o seu avogado, quixeron facer declaracións aos numerosos medios de comunicación presentes ás portas do xulgado. Pola súa banda, Manuel Baltar abandonou por outra porta a sede xudicial, esquivando aos medios.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 aloloco

Bueeeeeno carallo¡¡¡¡ de rositas como todos.... no último mes saìron de rositas a lo menos unha ducia de alcaldes e exalcaldes..... como debe ser !!!ou que¡¡ có beneplácito de todos eh¡¡¡ atadito e ben atadito