Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/06/2025 | Actualizada ás 14:25
O Parlamento de Galicia aprobou o primeiro punto dunha proposición non de lei do Grupo Socialista na que se insta á Xunta a elaborar un novo plan estratéxico de saúde mental. Ademais, esta proposta recolle que este plan reflicta as "necesidades reais" neste ámbito e que sexa "participativo co persoal especializado en saúde mental e que dea resposta ás necesidades de saúde mental dos galegos". Durante a súa intervención, a deputada socialista Elena Espinosa advertiu de que a día de hoxe a Administración autonómica "non garante o dereito ás prestacións sanitarias de saúde mental en condicións de calidade, accesible e igualdade efectivas".
AUTORIZACIÓNS DE TRABALLO
Ademais, a Cámara galega tamén aprobou, por unanimidade, reclamar o traspaso das competencias en materia das autorizacións iniciais de traballo das persoas migrantes. En concreto, o texto aprobado, froito dunha proposición non de lei do Grupo Popular, insta á Xunta a iniciar os trámites para reclamar este traspaso co obxectivo de poder habilitar un proceso que reduza os prazos para obter esta documentación.
Tamén saíu adiante, co voto dos deputados do Grupo Popular, unha iniciativa do PPdeG para instar á Xunta a que se dirixa ao Goberno para, entre outras cousas, dar resposta desde o Ministerio para a Transición Ecolóxica á solicitude de reunión formulada por alcaldes de todos os concellos afectados, para abordar diversas problemáticas sobre o tramo internacional do Río Miño. Tamén se demanda analizar o cumprimento do caudal ecolóxico mínimo e o impacto das oscilacións de caudal brusco neste tramo e abordar a prevención e control de especies exóticas e invasoras, tanto na lámina de auga como nas marxes do río para preservar a biodiversidade autóctona. Doutra banda, solicita un reforzo da inspección e control das embarcacións dedicadas ao transporte de pasaxeiros, esixindo o cumprimento das garantías de seguridade e fomentando a cooperación coa administración portuguesa para garantir un servizo seguro, ordenado e regulamentado.
PNL REXEITADAS
Así mesmo, o resto de propostas presentadas polos grupos da oposición foron rexeitadas co voto negativo da maioría absoluta do Partido Popular. En concreto, os populares tombaron unha iniciativa do PSdeG para recuperar a área sanitaria da Mariña co obxectivo de garantir "unha atención de calidade a toda a poboación, con facultade plena de xestión dos recursos para alcanzar unha maior eficiencia e eficacia". Do mesmo xeito, os populares rexeitaron unha proposición non de lei do BNG na que se pedía que o Parlamento instase o Goberno galego a pedir desculpas pola "vergoñosa recepción" ao embaixador en funcións do estado de Israel, "coincidindo co xenocidio que está a cometer o estado sionista contra o pobo palestino".
Doutra banda, o Grupo Popular votou 'non' a unha PNL dos nacionalistas na que se demandaba, entre outras cousas, que a Xunta faga un estudo sobre a situación das persoas LGTBI nos centros educativos de Galicia e que se analicen as ferramentas e protocolos existentes para evitar discriminación, así como que deseñe un plan de formación para todo o persoal dos centros sobre o trato á diversidade, incluíndo a diversidade sexual e de xénero. Outra das medidas que demandaba era crear o papel de responsable de diversidade sexual e de xénero nos centros escolares, elaborar unha guía de actuación que identifique as condutas LGTBfóbicas e dar cumprimento ao recolleito na lei 2/2014 pola igualdade de trato e non discriminación das persoas LGTB.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.