O novo rexistro único para alugueres turísticos e de tempada entra en vigor o 1 de xullo en plena tempada alta

A medida, esixida por Europa, obriga a identificar cada vivenda con número oficial e implica ás plataformas dixitais, mentres comunidades e asociacións critican a súa aplicación

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/06/2025 | Actualizada ás 12:06

Comparte esta noticia

A partir do 1 de xullo, todos os propietarios de vivendas turísticas e de alugueiro de tempada en España deberán contar cun número de rexistro oficial outorgado polo Colexio de Rexistradores. Trátase da aplicación do Real Decreto 1312/2024, que desenvolve o Regulamento (UE) 2024/1028, e que pretende mellorar o control sobre este tipo de aloxamentos en toda a Unión Europea mediante un portelo único dixital.

Caixa de seguridade para as chaves dun piso de aluguer turístico
Caixa de seguridade para as chaves dun piso de aluguer turístico | Fonte: Eduardo Parra

Este novo sistema busca que cada vivenda dispoña dun identificador público e oficial, obrigatorio para calquera promoción nas plataformas dixitais. A solicitude de rexistro esixe referencia catastral, dirección exacta, modelo de alugueiro, capacidade máxima e cumprimento dos requisitos autonómicos, que deben achegarse ao Colexio de Rexistradores. Unha vez validada a documentación, emitirase un código que as plataformas deberán mostrar visiblemente.

Segundo datos do Ministerio de Vivenda e Axenda Urbana, ata o 27 de xuño presentáronse 199.686 solicitudes, das cales foron aprobadas 90.046 (83,65 % das xa tramitadas). Outras 17.596 foron rexeitadas e permanecen 92.044 pendentes de verificación. A maioría destes rexistros correspóndense con alugueiros turísticos (156.938 solicitudes), concentrados en provincias como Málaga, Gran Canaria, Alacante, Baleares ou Barcelona.

OBRIGAS PARA AS PLATAFORMAS DIXITAIS

As plataformas en liña que publiquen anuncios de alugueiros turísticos deberán enviar mensualmente os datos de cada aloxamento rexistrado, incluíndo o número de identificación, dirección e URL do anuncio, a través de comunicacións automáticas entre sistemas. No caso de plataformas pequenas ou microempresas, a obriga será trimestral. Esta remisión de datos deberá efectuarse nos 15 primeiros días naturais tras cada período correspondente.

PREOCUPACIÓNS DENDE GALICIA E OUTRAS COMUNIDADES

A nova regulación foi recibida con críticas por parte de diversas comunidades autónomas, especialmente as gobernadas polo Partido Popular, que reclaman unha Conferencia Sectorial de Turismo urxente para clarificar a normativa. Estas administracións denuncian que a entrada en vigor da medida coincide coa tempada alta e afirman que non existe unha guía clara sobre a súa aplicación.

Tamén critican o que consideran unha "intrusión competencial", ao entender que o novo sistema estatal invade as funcións en materia de turismo que están delegadas nas comunidades autónomas. Desde o PP acusan o Goberno central de improvisación e de falta de liderado político por parte do ministro Jordi Hereu.

FEVITUR ESTIMA PERDAS MILLONARIAS E CARGA CONTRA O NOVO SISTEMA

A Federación Española de Asociacións de Vivendas e Apartamentos Turísticos (Fevitur) calcula que o novo sistema deixará fóra do mercado o 70 % da oferta actual, provocando perdas de ata 13.737 millóns de euros entre xullo e decembro. A súa presidenta, Silvia Blasco, denuncia que a medida non complementa os rexistros xa existentes nas comunidades autónomas, senón que os duplica e complica a xestión. "Non simplifica, senón que centraliza sen achegar valor", sinalou.

Con todo, desde o Ministerio de Vivenda destacan que esta regulación é clave para evitar fraudes, garantir a transparencia do mercado e responder aos retos que está a supor o crecemento dos alugueiros turísticos no contexto da crise da vivenda.

A pesar das críticas, o número de rexistro seguirá podendo solicitarse despois do 1 de xullo, aínda que non se concederá a aqueles propietarios que non dispoñan das licenzas ou declaracións responsables necesarias segundo a normativa autonómica ou local.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta