O BNG propón unha oficina de loita contra a corrupción independente do poder político: "Sentimos noxo, rabia e repulsa"

O viceportavoz parlamentario Luís Bará advertiu de que o escenario actual "é caldo de cultivo para opcións alternativas demagóxicas e populistas".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/06/2025 | Actualizada ás 14:22

Comparte esta noticia

O BNG avanzou que presentará unha proposición non de lei para crear unha oficina antifraude e de loita contra a corrupción independente do poder político que teña como obxectivo "garantir a integridade, a honestidade, a imparcialidade e a transparencia das institucións públicas". Tal e como detallou o viceportavoz parlamentario Luís Bará, o organismo tería tres funcións principais: prevención e investigación de posibles casos de corrupción ou de destino fraudulento de fondos públicos; prevención de conflitos de interese; e mecanismos de protección da persoa informante.

En rolda de prensa este luns, Bará recoñeceu que os últimos presuntos casos de corrupción que salpican ao PSOE provocan "noxo, rabia e repulsa", polo que o BNG demanda "a máxima esixencia e transparencia de información". En todo caso, apuntou que "chove sobre mollado" e que existe unha "corrupción sistémica" que, na súa opinión, "afecta aos grandes partidos do bipartidismo" e da que "Galicia non está á marxe".

Ademais, lamentou que os casos de fraude na contratación pública causan "un grave dano ao sistema democrático" e provocan tamén "descrédito das institucións" e "desafección por parte da cidadanía", o que, ao seu xuízo, "é caldo de cultivo para opcións alternativas demagóxicas e populistas". Nesta liña, lembrou que hai prácticas "fraudulentas" que son coñecidas como os "amaños" en contratos de obra pública que xa foron probados pola Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia.

No contexto galego, apuntou, dáse "un fenómeno específico" como é "o alto número de contratos cun único ofertante", que "pode facer pensar que hai acordos previos entre as empresas". Por todo iso, para facer fronte a este tipo de problemática, os nacionalistas proporán esta oficina de loita contra a corrupción que, segundo explicou o deputado do BNG, xa existe en comunidades como Cataluña.

ACORDOS XUNTA-ALTRI

Por outra banda, Luís Bará denunciou que a Xunta "oculta" información de "acordos secretos" entre a Administración autonómica e Altri ao medio dixital 'Praza Pública'. Bará mencionou unha información publicada este luns en Praza.gal na que sinala que a Xunta denegou a este medio o acceso, a través da Lei de Transparencia, a "un memorando de entendemento" asinado polo entón conselleiro de Economía Francisco Conde e a multinacional lusa co argumento de que "o conselleiro non o asinou como membro do Goberno galego, senón nun negocio xurídico privado".

Para Luís Bará, "a ocultación destes acordos secretos entre a Xunta e Altri incumpre o previsto na lei de transparencia" porque a resposta, apuntou, "foi que non era unha actuación dun conselleiro, senón un negocio xurídico privado entre o presidente da Sociedade Impulsa, Francisco Conde, e Altri". "É evidente que se está ocultando algo que non queren que se coñeza e ocúltase tamén que Impulsa é un instrumento da política industrial creado pola Xunta expresamente para política industrial para desenvolver os proxectos tractores, que Impulsa ten o 50 % das súas accións son da Xunta e que a presidenta é a conselleira de Industria... Hai unha clara vulneración do dereito de acceso á información", denunciou.

Así, Bará sinalou que ve nesta situación "un caso claro de corrupción" polo que "pode haber aquí de tráfico de influencias e trato de favor", xa que a Xunta "xestiónalle axudas públicas" e, segundo lles consta, "houbo cambios legais que son consecuencia deses acordos entre a Xunta e Altri". Para iso, o viceportavoz nacionalista cre que un organismo como a oficina antifraude e de loita contra a corrupción "podería actuar nun caso coma este".

O viceportavoz parlamentario do BNG Luís Bará en rolda de prensa
O viceportavoz parlamentario do BNG Luís Bará en rolda de prensa | Fonte: BNG

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta