Por Galicia Confidencial | Ribadavia | 01/07/2025 | Actualizada ás 20:45
A MIT deste ano, baixo unha nova dirección artística e co lema "escenas en tránsito", vén de recoñecer a súa aposta pola contemporaneidade, a diversidade, a mirada feminista e os formatos híbridos.
Así o fixeron días atrás a directora da MIT, Sabela Mendoza e a directora adxunta, Gena Baamonde, na presentación da programación aos medios que contou tamén coa presenza do alcalde de Ribadavia, César Fernández; o delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Manuel Pardo; o subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos; e o director da Agadic, Jacobo Sutil.
Dende a dirección comentaron tamán que "esta 41ª edición da MIT é unha edición de transición e queremos agradecer o traballo feito pola anterior dirección e polo equipo que nos sigue acompañando", engadindo que manterán a estrutura habitual da Mostra "cos mesmos espazos e a mesma duración, e algunhas das apostas programáticas que xa se viñan desenvolvendo".
ESPECTÁCULOS ESCÉNICOS DE COMPAÑÍAS GALEGAS, NACIONAIS E INTERNACIONAIS
En total, máis de 35 actividades entre funcións, obradoiros, encontros, foros e accións abertas á comunidade, repartidas en máis dunha ducia de espazos escénicos que van desde os históricos --como o Auditorio do Castelo ou a Igrexa da Madalena-- a espazos naturais, prazas e sitios máis alá do núcleo urbán, museos ou a Casa da Cultura, facendo da MIT un festival expandido.
A MIT 2025 presenta 23 espectáculos escénicos de teatro, danza, performance, circo e artes vivas, coa participación de compañías procedentes de Galicia e o resto do Estado español, ademais de compañías procedentes de Portugal, Italia e Brasil. A convivencia entre linguaxes e formatos configuran unha programación atenta á diversidade formal e temática, onde teñen cabida desde propostas intimistas ata espectáculos de gran formato, e que aborda cuestións como a memoria histórica e o seu vínculo coas historias íntimas e persoais, a identidade e o cuestionamento das fronteiras, a saúde, a disidencia, a ecoloxía ou o pensamento crítico.
OBRADOIROS DE FORMACIÓN E RESIDENCIAS ARTÍSTICAS
Ao programa de actividades e espectáulos escénicas súmase un programa de apoio á creación (con 3 residencias artísticas que abrirán procesos de traballo comunitarios e rematarán con mostras abertas), un programa de formación (con 6 obradoiros e laboratorios dirixidos tanto a profesionais como a público xeral e público infantil) e outro programa de mediación co que se busca xerar outros lugares de encontro e conexión entre artistas, públicos e profesionais das artes escénicas, e que inclúe conversas coas compañías e outras actividades paralelas.
ABONOS E ENTRADAS
Os abonos estarán á venda a partir do día 1 de xullo (prezo 62 euros) e a venda de entradas individuais a partir do día 7 de xullo (7 euros prezo xeral, 5 euros prezo reducido para estudantes e persoas desempregadas; excepto inauguración e clausura no Auditorio do Castelo que son a 10 euros o prezo xeral e 8 euros o prezo reducido).
Ademais dos eventos para cuxo acceso se require de entrada, o programa da MIT conta con outros espectáculos de acceso gratuito e actividades como obradoiros e presentacións, tamén de acceso gratuito, todos os días do festival. Os obradoiros xa están anunciados e está aberto o prazo de inscrición a través da páxina web da MIT.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.