Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/07/2025 | Actualizada ás 13:10
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, demandou ao Goberno central a convocatoria da conferencia sectorial para abordar o plan estatal de vivenda e rexeitou que exista un acordo con Galicia nesta materia. Despois de que por parte do Ministerio de Vivenda e Axenda Urbana trasladase que xa se está empezado a traballar no novo acordo estatal e que se mantiveron contactos con varias comunidades autónomas, entre elas Galicia, asegurando desta que foi "a última en sumarse ao acordo", a titular do departamento autonómico insistiu en que non existe.
"Non sei por que saen eses anuncios, non temos o texto dese futuro plan estatal e non hai acordo porque non se convocou a conferencia sectorial das comunidades autónomas que é onde se debe acordar", sentenciou. Ademais, especificou que nos contactos existentes ata agora só se falou de "financiamento". "O que esiximos é convocar a conferencia sectorial porque necesitamos coñecer ese plan estatal", remarcou.
PISOS TURÍSTICOS
Noutra orde de cousas, e nun acto na Coruña sobre iniciativas para promover vivenda no marco do plan Rexurbe, vinculou a "trámites burocráticos" que haxa pisos turísticos que non estean aínda no rexistro como obriga a normativa promovida a nivel estatal. "Cumprimentaremos a normativa", recalcou a conselleira que lembrou que existe un decreto a nivel autonómico. "Imaxínome que serán trámites burocráticos", engadiu sobre os que están pendentes de darse de alta no rexistro.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.