Detido un presunto ladrón que actuaba entre Galicia e León vendendo xoias por droga

A operación Disrupman permitiu localizar ao sospeitoso en Benicasim tras varios roubos en vivendas galegas.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 02/07/2025 | Actualizada ás 11:38

Comparte esta noticia

A Garda Civil detivo a pasada semana en Benicasim (Castelló) a un veciño de Componaraya (León) como presunto autor de dous roubos cometidos en vivendas das provincias de Lugo e A Coruña. O arrestado, con antecedentes por delitos contra o patrimonio, é acusado de entrar a roubar nunha casa en Buriz (Guitiriz) e noutra en Betanzos, de onde subtraeu xoias e diñeiro en efectivo.

Axente da Garda Civil. Garda Civil / Europa Press / Europa Press
Axente da Garda Civil. Garda Civil / Europa Press / Europa Press

A operación, denominada Disrupman, iniciouse en novembro tras o roubo en Guitiriz, onde o autor aproveitou a ausencia dos moradores. Segundo informou a Garda Civil, o sospeitoso percorreu varias vivendas cun vehículo pedindo indicacións para comprobar se estaban ocupadas. A colaboración cidadá foi clave para identificar o home e o vehículo utilizado.

Durante a investigación, os axentes determinaron que o detido viaxaba desde León a Galicia para cometer os roubos, que posteriormente rendibilizaba vendendo os obxectos subtraídos a cambio de droga. A súa implicación no roubo en Betanzos quedou acreditada grazas ás imaxes das cámaras de seguridade e á declaración dunha testemuña.

O sospeitoso estivo oculto un tempo en Ferrol antes de desprazarse a Castelló. Foi finalmente detido en Benicasim, onde se lle interviñeron xoias e outros efectos cuxa procedencia se investiga. Xa foi posto a disposición xudicial e decretouse o seu ingreso en prisión.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta