Por E.P. | Santiago de Compostela | 02/07/2025 | Actualizada ás 12:39
A Consellería de Medio Ambiente criticou duramente ao secretario de Estado de Medio Ambiente, Hugo Morán, por considerar que “non está lexitimado” para continuar no seu cargo tras os incidentes na Comisión Sectorial de Medio Ambiente do pasado venres. Un total de 11 comunidades autónomas gobernadas polo PP, xunto con Ceuta e Melilla, solicitaron por carta á ministra Sara Aagesen o cesamento ou dimisión de Morán debido ao seu “ton bronco e despectivo” durante a reunión, ademais da “deslealdade” institucional denunciada polos afectados.
As críticas tamén se centran no feito de que o Ministerio tentou abordar o informe sexenal sobre o lobo sen que as comunidades contasen coa documentación previamente, o que provocou que Galicia e outras autonomías conseguisen retiralo da orde do día e esixisen unha nova reunión para o 11 de xullo. As comunidades denuncian ademais a falta de respecto ás normativas e aos procedementos, así como o comportamento inapropiado doutros responsables do Ministerio durante a comisión.
Porén, Hugo Morán respondeu a través das redes sociais, defendendo que o informe sexenal non se fixo público e que só se remitira ás comunidades para estudo. As autonomías populares manteñen a súa petición de dimisión por permitir e xerar un clima de “lamentables incidentes” e exixen desculpas formais, denunciando que o Goberno estatal “rompeu as relacións leais” coas administracións autonómicas ao tentar impor decisións sen o debate técnico previo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.