Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/07/2025 | Actualizada ás 17:16
A conselleira de Madio Ambiente, Ángeles Vázquez, dixo que Galicia "se brinda a facer capturas" de lobo se outras comunidades autónomas queren "implantar" esta especie.
En declaracións aos medios este venres en Santiago, a conselleira ironizou con que lle parece "moi ben" que o Goberno central teña unha "visión nacional" sobre a presenza do lobo, no canto de primar a postura das comunidades lobeiras, pero remarca que onde hai lobos é en Galicia, "igual que hai outro tipo de especies en Andalucía ou Castela-A Mancha que non hai en Galicia".
Repreguntada pola prensa acerca de se a súa intención é desfacerse de lobos, a conselleira respondeu: "Non, non me quero desfacer deles. Se seguimos así, ímonos a desfacer dos gandeiros e doutras especies, como poden ser os cervos, como poden ser as lebres, como pode ser o cabalo galego ou como poden ser as cachenas".
"O que non lle cabe a ninguén na cabeza é que o Goberno Central pretenda, de súpeto, dicir que a cualificación de favorable ou desfavorable non se vai a facer só, por parte, segundo eles, tendo en conta os datos das comunidades lobeiras, senón que ten que ter unha visión nacional", reprocha.
RECURSO DO DEFENSOR: "QUE CADA UN FAGA O QUE QUEIRA"
Ademais, a conselleira dixo que hai "total liberdade para que cada un faga o que queira" en relación coa decisión do Defensor do Pobo de recorrer ao Tribunal Constitucional a rebaixa da protección do lobo en España, aínda que lembra os danos a gandeiros desta especie en Galicia e a súa evolución "favorable".
A preguntas dos medios sobre esta decisión do Defensor do Pobo, Vázquez incidiu en "o que si deberían repensar é que é fundamental ter os datos". "Galicia, deu os datos", afirma, e "ninguén lle discutiu eses datos a Galicia" en relación co aumento de mandas nos últimos anos. Critica que a opinión do Goberno central "non é fundada" para avogar pola protección desta especie, á vez que volveu a queixarse da "falta de respecto total e absoluta" do secretario de Estado de Medio Ambiente, Hugo Morán, na última reunión coas comunidades.
"O primeiro que ten que entender o Goberno Central é que as comunidades autónomas somos adultas", deixa claro, polo que pide "respecto". Asegura que seguirán "pelexando" pola xestión dunha especie que ataca cada ano a 65.000 reses en Europa, segundo cifra, cuns 10 ataques diarios en Galicia, di.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.