Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 07/07/2025 | Actualizada ás 16:25
Unha veciña da acusada de apropiarse de máis de 20.000 euros do servizo de axuda no fogar de Boiro declarou no xuízo con xurado popular que, ao saber que tamén fora vítima da suposta estafa, chorou “bágoas de sangue”. O seu marido, xa falecido, era dependente na época dos feitos, que tiveron lugar durante a década de 2010. Segundo explicou, a funcionaria, á que coñecía desde nena, dicíalle que debía acudir a pagar ao Concello cada mes e entregáballe un recibo de pago.
Con todo, no servizo de recadación municipal indicáronlle posteriormente que non tiña que facer pagos presenciais e facilitáronlle un número de conta para domiciliar o abono. Porén, pouco despois, recibiu unha chamada da coordinadora do servizo que lle insistiu en que levase o diñeiro ao Concello. Esta situación de confusión nos cobros foi compartida por outras testemuñas, que tamén afirmaron ter pagado directamente á acusada ou a outras traballadoras do servizo.
Algunhas persoas declararon que lles parecía estraño que non puidesen facer o pago por transferencia bancaria, e unha delas asegurou que lle “renxía un pouco” ese procedemento, xa que a acusada lle insistía en que debía acudir en persoa. Tamén se relatou que noutras ocasións compañeiras da acusada se encargaban de recoller os cartos cando ela estaba de vacacións, sen entregar sobres nin documentación específica. Un testemuño indicou que a acusada tiña “dous caixóns cheos de sobres” cos pagos dos usuarios.
Durante a sesión deste luns, unha auxiliar declarou por videoconferencia que a acusada lle preguntara se tiña inconveniente en levarlle diñeiro ao Concello en nome dalgún usuario, feito que segundo ela tamén podería afectar a outras traballadoras. O avogado da defensa preguntou se ese sistema de cobro era coñecido por todos, ao que a testemuña respondeu que estaba “na fala da xente”, comparando a súa notoriedade co recente conflito entre familias en Ribeira.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.