O Portiño da Coruña, á espera de ser declarado Lugar de Memoria Democrática

A CRMH solicita esta declaración para facer xustiza aos 28 detidos polas forzas policiais franquistas en 1937.

Por Claudia Varela Lourido | A CORUÑA | 11/07/2025 | Actualizada ás 12:41

Comparte esta noticia

A tentativa de fuga que tivo lugar no Portiño (A Coruña) a noite do 3 ao 4 de marzo de 1937, foi "fortemente reprimida pola garda civil e forzas militares, que provocaron que moita xente se tirase ao mar, perecendo afogados ou como resultado dos disparos das forzas armadas franquistas". Este acontecemento conlevou a detención de 28 persoas. Unha delas foi paseada, 15 foron condenadas a morte e o resto sufriron condenas que van desde a cadea perpetua ata os 15 anos de prisión. 

Inauguración do monumento no Portiño
Inauguración do monumento no Portiño | Fonte: Carlos Pardellas

Neste contexto, a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña acaba de presentar un escrito de solicitude para declaración do Memorial/Monumento ás vítimas de "O Portiño" na Coruña como Lugar da Memoria Democrática, de conformidade co disposto nos artigos 49 e 50 da Lei 20/2022, do 19 de outubro, de Memoria Democrática. Esta nova solicitude súmase ás presentadas pola CRMH da Coruña para a declaración do Pazo de Meirás e a antiga prisión provincial da Coruña como Lugares de Memoria Democrática, pendentes de incoación por parte do Estado.

Na historia do Portiño houbo varios casos particulares, como o de Luis Pita da Veiga Mojón e o de Federico Rivadulla Gómez, cuxos nomes non figuran no memorial. Segundo afirman desde a CRMH, o motivo polo cal Luis Pita non se atopa neste recoñecemento recae en que foi paseado no Campo da Rata en Durmideiras (A Coruña). Por outra banda, resaltan que Federico Rivadulla Gómez non foi a persoa que sufriu o "infame proceso da xustiza militar franquista no cuartel de Atocha". Foi o seu fillo de 17 anos, Federico Rivadulla Rivero, condenado a pena de morte e fusilado xunto a outras 14 persoas detidas no Portiño.

Todas estas persoas foron conducidas ao cemiterio de Santo Amaro da Coruña e foron enterradas clandestinamente en fosas nas que, a día de hoxe, todavía permanecen moitos deles. É por iso que desde a CRMH traballan diariamente a prol da recuperación da memoria democrática, sendo o monumento do Portiño un lugar de gran significación para todos os que sufriron as condenas da ditadura franquista, e, polo tanto, unha acción simbólica moi relevante.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta