Psicólogos galegos cargan contra a Xunta pola "deterioración" do sistema de protección de menores

Tamén se fan eco das queixas de entidades que xestionan os recursos residenciais, que "alertan da escaseza de prazas dispoñibles e do ingreso de menores con problemáticas cada vez máis complexas" para as cales non teñen persoal especializado

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/07/2025 | Actualizada ás 14:22

Comparte esta noticia

O Colexio de Psicoloxía de Galicia (COPG) carga contra a Xunta pola "grave deterioración" e a "saturación" do sistema de protección de menores, o que provoca a "incapacidade" para acoller aos 317 que foron propostos polo Goberno central.

A través dun comunicado, os psicólogos expresan a súa "profunda preocupación" pola situación que atravesa o sistema, "unha realidade amplamente denunciada por profesionais, organizacións sociais e medios de comunicación, que supón unha vulneración sistemática dos dereitos da infancia e da adolescencia".

Así, constatan que o sistema está "colapsado", tal e como alegaba en días pasados a conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García. Con todo, o colexio profesional achácao a que está "infradotado e sen planificación idónea", o que tampouco garante "unha atención adecuada" daqueles nenos que xa están a ser atendidos.

Ademais, os psicólogos falan dun aumento de situacións de risco e desamparo ante o cal os recursos "non se adaptaron". Isto deriva, continúan, en listas de espera para avaliar casos, "atrasos inxustificables nas intervencións" e unha "atención insuficiente e desigual, dependendo do territorio".

Tamén se fan eco das queixas de entidades que xestionan os recursos residenciais, que "alertan da escaseza de prazas dispoñibles e do ingreso de menores con problemáticas cada vez máis complexas" para as cales non teñen persoal especializado.

"Este panorama é consecuencia directa dunha escasa vontade política e institucional por parte da Administración galega para priorizar a atención á infancia", insiste o COPG, que denuncia falta dunha "estratexia integral" e "coordinación" entre servizos, si como condicións laborais de "precariedade" para os equipos técnicos.

Por todo iso, o Colexio de Psicoloxía de Galicia esixe "unha revisión profunda e urxente" do modelo de sistema de protección que se base "nun enfoque preventivo, comunitario e centrado nas persoas menores". E isto debe pasar, engade, por un reforzo dos equipos de profesionais e por "condicións laborais dignas, tempo e medios para unha intervención de calidade".

"As nenas e nenos baixo protección non son cifras nin expedientes. Son persoas cuxo desenvolvemento emocional, físico e social está en xogo. Non podemos seguir mirando para outro lado mentres un sistema colapsado deixa sen resposta a quen máis o precisa", conclúe o comunicado.

Equipo de psicólogas do GIPCE atendendo a unha persoa
Equipo de psicólogas do GIPCE atendendo a unha persoa | Fonte: COLEXIO OFICIAL DE PSICOLOXÍA DE GALICIA - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta