O festival BIGSOUND arrinca ao grande en Pontevedra: do 'Terra' de Tanxugueiras a 'El Perdón' de Nicky Jam

A primeira noite do BIGSOUND 2025 converteu Pontevedra nun epicentro de emocións, con actuacións memorables de estrelas internacionais como Nicky Jam ou Ovy on the Drums e coas Tanxugueiras e Sabela poñendo acento galego a unha festa que mesturou tradición, modernidade e moita intensidade.

Por Ángela Precedo | PONTEVEDRA | 12/07/2025 | Actualizada ás 03:10

Comparte esta noticia

O Parque da Tafisa de Pontevedra transformouse este venres nun fervedoiro de beats, luces e emoción. A primeira xornada do BIGSOUND Pontevedra 2025 deu o pistoletazo de saída ao grande, cun cartel cargado de figuras do reggaeton, o pop urbano e a música latina, e un público entregado dende o primeiro intre. Tamén houbo espazo para as nosas estrelas galegas, que fixeron as delicias dos asistentes e puxeron o toque de identidade a un festival que chegou para quedar.

Nicky Jam no BIGSOUND Pontevedra 2025
Nicky Jam no BIGSOUND Pontevedra 2025 | Fonte: GC

SABELA, JUAN MAGÁN E MARC SEGUÍ

Ás 17.00 horas, Sabela, no escenario Xacobeo, abriu a tarde cunha actuación breve, pero sentida. A artista galega ofreceu unha benvida con raíces, envolvendo ao público nun ambiente cálido que contrastaba coa inminente avalancha de ritmos urbanos. Intres despois, no escenario Keler, desvelouse o artista sorpresa, un guiño ao factor imprevisible que todo festival precisa para xerar conversa e sorpresa. Un show curtiño e directo que acendeu aínda máis ao público recén chegado.

Ás 18.00 horas chegaba un dos pratos fortes do día. Juan Magán subiu ao escenario para dar o primeiro gran golpe da tarde. Mestre do electro-latino e vello coñecido dos festivais galegos, convertiu o recinto nunha pista de baile ao aire libre con clásicos como 'Bailando por ahí' o 'Ella no sigue modas', sen esquecer os seus temas máis recentes. O seu set foi unha clase maxistral de como mesturar a nostalxia coa festa e a actualidade. Continuou Marc Seguí, que mantivo o pulso dende o outro escenario cun show fresco, íntimo e próximo, que conectou co público novo grazas ao seu estilo propio a medio camiño entre o lo-fi, o pop urbano e a morriña do verán.

CALI Y EL DANDEE, DE POL, ABRAHAM MATEO E TANXUGUEIRAS

Abraham Mateo no BIGSOUND Pontevedra 2025
Abraham Mateo no BIGSOUND Pontevedra 2025 | Fonte: GC

Xa co sol baixando no horizonte, Cali y El Dandee, outro dos pratos fortes para os máis nostálxicos, encargáronse de subir as pulsacións cunha hora enteira de hits coreados por miles de asistentes. 'Yo te esperaré', 'Por fin te encontré' e colaboracións con estrelas latinas marcaron unha actuación emocional e enérxica a partes iguais. Mentres tanto, DePol, o talento mozo do pop español, reafirmou a súa crecente propularidade no Keler Stage. Coa súa voz cálida e letras pegadizas, firmou un set elegante, ideal para acompañar o solpor.

O festival non deu tregua e outro dos artistas máis importantes do día fixo logo a súa aparición no escenario Xacobeo. Abraham Mateo tomou o relevo cun despregue escénico e vocal que confirmou a súa evolución artística. Entre coreografías, xogos de luces e unha impecable execución vocal, repasou éxitos como 'Señorita' e 'Loco enamorado', e presentou tamén a súa faceta máis madura e experimental. Agora ben, o momento máis simbólico da noite chegou con Tanxugueiras, que actuaron ante un público entregado pasadas as 22.30. O trío galego reivindicou a cultura propia a ritmo de 'Terra' e 'Averno', fusionando tradición e electrónica, cunha posta en escea vibrante e poderosa.

OVY ON THE DRUMS, LUCK RA E NICKY JAM

Xa na franxa máis nocturna, tres artistas de renome internacional romperon todos os moldes. Ovy on the Drums, produtor e DJ clave na música latina actual, ofreceu unha sesión explosiva que convertiu o recinto nun clube nocturno a ceo aberto. A súa sesión, entre hits propios e remixes vibrantes, foi unha celebración do beat urbano contemporáneo. Seguidamente, Luck Ra, un dos nomes arxentinos con maior proxección internacional, prolongou a festa cunha actuación chea de carisma e boa onda. Cancións como 'Hola Perdida' ou 'Quiero creer' resoaron forte entre os máis novos. Que se note que en Galicia nos gusta unha boa verbena!

E como colofón final, en horario estelar e simbólico, xa ben entrada a madrugada, apareceu a gran lenda do reggaeton: Nicky Jam. O artista portorriqueño asinou unha actuación icónica, chea de clásicos como 'El Perdón', 'Hasta el amanecer' ou 'X', nun directo que mesturou emoción, nostalxia e potencia. Un broche de ouro para unha noite inaugural que superou todas as expectativas. A festa prolongouse ata case as 02.30 da madrugada e o público quedou con ganas de máis. E para ese máis non haberá moito que agardar: chegará este mesmo sábado, con novos artistas que encherán Pontevedra de música, cultura e espectáculo.

Público no primeiro día do BIGSOUND Pontevedra 2025
Público no primeiro día do BIGSOUND Pontevedra 2025 | Fonte: GC
Ovy on the Drums no BIGSOUND Pontevedra 2025
Ovy on the Drums no BIGSOUND Pontevedra 2025 | Fonte: GC
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta