Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO | 17/07/2025 | Actualizada ás 12:31
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, mostrou o seu rexeitamento o "preocupante" recorte do Fondo Marítimo, Pesca e Acuicultura (Fempa) de máis de 4.000 millóns de euros que propón Bruxelas para 2028-2034, un 67 % menos ao pasar duns 6.110 millóns do anterior período a só 2.000. "Loitaremos", avisa.
A preguntas da prensa antes de participar en Santiago nunha reunión coa Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), Villaverde subliñou que o Goberno galego non está "nada de acordo" con estes "primeiros esbozos" de financiamento europeo da pesca a partir de 2028, xa que lembra Galicia é "a rexión pesqueira máis importante de Europa". "Evidentemente, vai ter un impacto directo no noso sector", lamenta.
Así, avanza que a Xunta vai tentar "activar todas as vías posibles" xunto co sector para reducir este "desfavorable" recorte previsto do Fempa, á vez que insta ao Estado a facer o propio con "todas as vías posibles de diálogo con Bruxelas para mostrar a súa desconformidade con esta primeira formulación que fai a Comisión". Villaverde remarca que a cadea mar-industria supón o 5 % do Produto Interior Bruto (PIB) de Galicia e 59.000 empregos directos.
PAPEL DO PP EN EUROPA
Preguntada polo papel do Partido Popular neste recorte ao partir a proposta da popular presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, e sobre a postura do eurodeputado galego do PP, Francisco Millán Mon, a conselleira indicou que os novos fondos teñen que aprobarse no Parlamento, polo que apela a activar "todas as vías" técnicas e políticas.
"Cónstanos que o noso eurodeputado está a facer un gran traballo, está a facer presión para tentar non soamente que non se faga ese recorte de fondos, senón que se siga mantendo un fondo específico", afirma. E é que "á parte de recorte de fondos, tamén é preocupante que queiran difuminar o fondo específico da pesca e da acuicultura noutros fondos", o que tamén "prexudicaría", posto que "desdebuxaría un pouquiño eses obxectivos que se lle pode dar a eses fondos".
CEG: "DAR A BATALLA"
Pola súa banda, o presidente da patronal galega, Juan Manuel Vieites, chamou a "dar a batalla" para reducir este descenso de fondos previsto para a pesca. Incide en que o sector pesqueiro é "estratéxico" para Galicia, cohesiona o territorio e "ten a moitas persoas nunha actividade socioeconómica moi importante". "Temos que facer valer o noso peso específico", sostén sobre a principal rexión nesta materia en Europa.
Vieites adiverte de que os fondos europeos "son fundamentais para a renovación e, sobre todo, para tentar modernizar e innovar no sector mar industria". "O sector necesita eses fondos para seguir reconverténdose, para seguir sendo un punto de referencia a nivel mundial", efectivamente.
Así mesmo, apela a "recapacitar" para traballar nunha colaboración público-privada de cara a paliar esta problemática e insta o Goberno de España a "pór enriba da mesa as cousas tal como son". "Sempre tivemos que dar a batalla no sector mar industria", rememora, polo que indica que esta primeira proposta é "un punto de referencia" para traballar e "tentar modificar en certa medida" a proposta.
ANUNCIO DE RECORTE
A presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, anunciou o pasado mércores que se prevé recortar un 67 % o fondo europeo Fempa ata deixalo en 2.000 millóns, en rolda de prensa de presentación da proposta do novo marco financeiro plurianual. "En canto á pesca, blindouse un mínimo de 2.000 millóns de euros", asegurou. Pese ao recorte, Bruxelas defende que os Estados membro poderán incrementar esas cifras a través dos seus plans nacionais.
O SECTOR PESQUEIRO AMÓSASE MOI "PREOCUPADO"
O sector pesqueiro europeo, representado por Europêche e da que forma parte Cepesca, mostrou a súa "profunda preocupación" polas directrices do novo Marco Financeiro Plurianual (MFP) e considera que se "marxina" á frota europea. O sector pesqueiro europeo cre que esta proposta de Bruxelas envía un "sinal desalentador" aos pescadores e ás comunidades costeiras que dependen desta actividade e ignora a importancia estratéxica do sector pesqueiro. O actual Fempa, dotado con 6.100 millóns de euros para o período 2021-2027, pero que xa sufriu un recorte de 105 millóns na última revisión orzamentaria, vería recortado o seu orzamento a só 2.000 millóns de euros, a pesar de que o orzamento xeral da Unión Europea se incrementará de 1,2 a 2 trillones de euros.
Europêche advirte do risco dunha "dobre absorción" dos fondos pesqueiros: por unha banda, ao integrarse nun instrumento máis amplo, e por outro, ao aliñarse cos obxectivos do Pacto Europeo do Océano. "Isto dilúe a súa capacidade para responder as necesidades reais do sector", alertan. Ademais, o novo fondo podería destinarse a outros ámbitos da economía azul, como a enerxía mariña, a biotecnoloxía ou a desalinización, que competirían directamente coa pesca por uns recursos limitados. O presidente de Europêche e secretario xeral de Cepesca, Javier Garat, sinalou a "incoherencia" entre as grandes prioridades da Comisión -como a competitividade, a resiliencia ou a autonomía estratéxica- e o trato que recibe o sector pesqueiro.
"Esperabamos un apoio ambicioso para unha frota que garante dietas saudables, seguridade alimentaria e protección ambiental. En cambio, vemos como se debilita o respaldo a un sector que xa sofre altos custos operativos, escaseza de tripulacións, competencia internacional e unha contorna normativa cada vez máis complexo", denunciou Garat. A organización tamén advertiu das consecuencias deste recorte orzamentario como pode ser a caída da produción pesqueira na UE, prezos máis altos para os consumidores e unha maior dependencia das importacións alimentarias. "Unha política de financiamento restritivo pon en perigo a soberanía alimentaria de Europa e o futuro dunha frota moderna e sustentable. As subvencións deben fomentar a produción responsable, non alimentar estruturas burocráticas ou investigacións afastadas da realidade do mar", remarcou Garat.
MILLÁN MON
O eurodeputado popular Francisco Millán Mon expresou a súa "decepción" polo recorte no financiamento para a pesca no próximo marco financeiro plurianual 2028-2034 e sinalou que agora toca "traballar" para "reverter" esta proposta. "Agora desde o Parlamento e o Consello temos que traballar por reverter este recorte", asegura, a través dun comunicado de prensa remitido despois de coñecerse a proposta da Comisión Europea.
Previamente, tamén este xoves, o eurodeputado insistiu, a través doutra nota enviada aos medios de comunicación, na "necesidade dun financiamento específico e suficiente" para a pesca no próximo marco financeiro plurianual. "Teño que expresar a miña decepción pola drástica baixada do financiamento para a pesca", declarou Millán Mon despois, nunhas "declaracións preliminares sobre a proposta".
Por último, Millán Mon reclama "a involucración de presidente do Goberno, Pedro Sánchez, nesta tarefa, xa que o Marco Financeiro Plurianual necesitará, ao final, unanimidade no Consello Europeo". "O señor Sánchez non debería aceptar estas propostas", avisa. O eurodeputado popular conclúe lembrando a participación de Teresa Ribera na aprobación desta proposta do Marco Financeiro Plurianual: "Os socialistas españois poderían tentar que a súa vicepresidenta cambiase este e outros puntos do marco financeiro plurianual", afirma.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.